A USC e a Asociación de Escritores en Lingua Galega colaborarán na normalización cultural e lingüística de Galicia
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, asinarán este venres, día 8, ás 12:00 horas no Salón Reitoral de San Xerome, un convenio de colaboración para fomentar o intercambio de experiencias nos ámbitos da docencia, a investigación e a promoción cultural. Do mesmo xeito, establecen as bases de cooperación na defensa e normalización do feito literario e lingüístico de Galicia.
En concreto, e de maneira conxunta, realizarán roteiros literarios co obxecto de salvagardar e difundir a memoria literaria e artística, organizarán obradoiros literarios para universitarios e deseñarán posgraos especializados nos dereitos de autor e na defensa da propiedade intelectual en Galicia. Por outra banda, a USC colaborará coa Asociación na consolidación do Centro de Documentación de Escritores Galegos.