O tradicional curso de micoloxía dará comezo o luns na EPS de Lugo
A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo acolle a próxima semana unha nova edición do tradicional curso de micoloxía, que chega este ano á súa décimo quinta edición.
Esta actividade formativa dará comezo o luns día 5, ás 19:00 horas, cunha inauguración oficial no salón de actos da EPS, a cargo do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero. Está organizada, como todos os anos, pola Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, en colaboración co Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (Inludes).
A inscrición no mesmo aínda continúa aberta, xa que hai prazas libres, ata completar a capacidade do local, que é de 250 persoas. A participación está aberta a toda a poboación, aínda que o maior número dos asistentes, que recibirán un diploma acreditativo, é da comunidade universitaria.
O curso, con carácter gratuíto, desenvolverase todas as tardes ata o venres 9, entre as 19:30 e as 21:30 horas. Os temas tratados durante esta acción formativa comezarán cunha explicación de fungos tóxicos para animais e continuarán con relatorios sobre cogomelos comestibles e tóxicos, a produción controlada e os fungos medicinais. Ao longo do curso haberá unha exposición de cogomelos fronte ao salón de actos da EPS.
A parte docente do curso estará a cargo de profesores especialistas da USC, como Antonio Rigueiro Rodríguez, Juan Luis Fernández Lorenzo, Rosa Romero Franco e Ignacio García González. Así mesmo, actuarán como relatores Manuela Buján Saco, doutora en Bioloxía; Antonio Rodríguez Fernández e Francisco Javier Fernández de Ana Magán, do Centro de Investigación e Información Ambiental de Lourizán (Pontevedra); a profesora da Universidade de Vigo Marisa Castro Cerceda e Xavier Martíns, da Agrupaçao Micológica portuguesa de A Pantorra.