Skip to main content

O investigador Xosé R. Bustelo imparte unha conferencia en Medicina sobre o papel de proto-oncoxenes na regulación cardiovascular

O profesor do Centro de Investigación do Cancro (CSIC-Universidade de Salamanca), Xosé R. Bustelo, impartirá este venres, día 16, unha conferencia na Facultade de Medicina dentro das actividades docentes do programa de doutoramento interuniversitario en Endocrinoloxía do Departamento de Fisioloxía da USC.
A conferencia de Bustelo leva por título ‘Papel de proto-oncoxenes da familia Vav na regulación cardiovascular’ e desenvolverase nun acto a celebrar a partir das 12:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina.
Xosé R. BusteloO doutor Xosé Bustelo obtivo o seu doutoramento en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 1990. Dende este momento inicia un período de formación científica no estranxeiro que o leva ao Bristol Myers Squibb Pharmaceutical Research Institute (EE.UU.) entre os anos 1990 e 1996, primeiro como bolseiro posdoutoral e logo como investigador científico, e ao Departamento de Patoloxía da State University of New York (EEUU) en calidade de assistant professor durante os anos 1996 e 2000.
Dende o seu regreso a España, traballou no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) como científico titular (2000-2004), investigador científico (2004-2005) e profesor de investigación, cargo que desenvolve na actualidade.
O seu labor investigador foi recoñecido ca concesión de varios premios internacionais, como son o Catacosinos Young Investigator Award for Cancer Research (1996), o Baldwin Award for Breast Cancer Research (1997), o Sinsheimer Award for Cancer Research (1997) e, máis recentemente, o Premio Nacional de Oncoloxía da Fundación Echevarne (2003).

The contents of this page were updated on 02.15.2007.