Skip to main content

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo presentou o III Máster en Prevención de Riscos Laborais

De esquerda a dereita o decano de Ciencias e codirector do máster, Francisco Fraga; o vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero; o outro codirector, José Carlos Quintas Fernández; e o coordinador...
De esquerda a dereita o decano de Ciencias e codirector do máster, Francisco Fraga; o vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero; o outro codirector, José Carlos Quintas Fernández; e o coordinador...

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo presentou este venres a III edición do Máster en Prevención de Riscos Laborais que comezará a vindeira semana. Ao acto, que se celebrou no Salón José Rodríguez Mourelos do propio centro, asistiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; os directores do curso, Francisco Fraga López e Carlos Quintas Fernández; e o coordinador do máster Santiago Díaz.
Durante a presentación o vicerreitor animou aos matriculados no máster e insistiu en que o elevado índice de compañeiros que participaron nas edicións anteriores e que están a traballar é un síntoma do éxito deste curso. Pola súa banda, o decano do centro, explicou que esta é a última edición deste máster xa que a partir de setembro estes estudos formarán parte dun Programa Oficial de Posgrao para o que os alumnos que o desexen cursar terán só que facer 45 créditos. O coordinador do curso, Santiago Díaz, aconsellou aos alumnos unha boa planificación e organización do traballo, sobre todo na parte semipresencial do curso, á vez aproveitou a ocasión para explicar o funcionamento do portal virtual co que van traballar.
O Máster en Prevención de Riscos Laborais, que comeza as clases o vindeiro venres 23, forma a técnicos de nivel superior nesta materia no que o alumno cursa tres especialidades diferentes: Seguridade, Ergonomía e Psicosocioloxía aplicada, e Hixiene Industrial.

The contents of this page were updated on 02.16.2007.