Skip to main content

O Plan de Desenvolvemento Sostible reactiva a campaña de recollida de CDs e DVDs

Os contedores atópanse en todos os centros docentes, bibliotecas, residencias e colexios maiores, institutos de investigación e edificios administrativos
Os contedores atópanse en todos os centros docentes, bibliotecas, residencias e colexios maiores, institutos de investigación e edificios administrativos
A de Santiago é a primeira Universidade galega en tratar estes residuos de maneira sostible

A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC iniciou o pasado mes de xullo unha campaña enfocada á recollida selectiva de CDs e DVDs usados, para que sexan xestionados axeitadamente cando o usuario quede desfacerse de eles. Con esta iniciativa complétase a actuación que dende a USC se asume para xestionar dun xeito sostible os refugallos producidos nos seus centros docentes e edificios administrativos.
Actualmente os CDs e DVDs son os dispositivos de almacenamento de información máis empregados na actualidade, sendo a produción de discos compactos en España durante 2006 de 570 millóns de unidades. Estes soportes están compostos na súa meirande parte de policarbonato, ademais de aluminio, laca e colorantes. A súa composición non permite que sexan reciclados como plástico normal, o que supón que tarden máis de cinco mil anos en descompoñerse en caso de ser depositado nun vertedoiro.
Tendo en conta isto e considerando o elevado grao de implantación das TIC na USC, dende a Coordinación do Plan de Desenvolvemento decidiuse colaborar coa empresa vasca CEDERIKA, encargada de xestionar axeitadamente estes residuos, converténdose deste xeito na primeira universidade galega en tratalos de forma sostible. O policarbonato reciclado non pode ser empregado de novo para a fabricación destes dispositivos ópticos pero é aproveitado para a fabricación, entre outros, de carcasas de ordenadores e pezas da industria automobilística.
A campaña de recollida selectiva de CDs e DVDs comeza a dar os seus primeiros froitos e a Unidade de Xestión de Residuos Perigosos, que colabora nas tarefas de reparto e baleirado dos contedores específicos, empezou a almacenar nas súas instalacións CDs e DVDs procedentes de varios centros.
Na actualidade, pódese depositar estes residuos en todos os centros docentes, bibliotecas, residencias e colexios maiores, institutos de investigación e edificios administrativos. Ademais dos contedores, en dez localizacións concretas, existen máquinas destrutoras de información, para empregar no caso no que o contido do dispositivo de almacenamento sexa confidencial e se queira destruir antes de desfacerse do CD ou DVD.

The contents of this page were updated on 11.05.2007.