Skip to main content

A vindeira semana comeza o ciclo de conferencias e seminarios 'Unha andaina polas Matemáticas'

Os alumnos da USC inscritos poderán validar a súa participación por tres créditos de libre configuración

O ciclo ‘Unha Andaina polas Matemáticas’ inicia a vindeira semana a súa programación de 2007 mantendo a intención de mostrar aos participantes a evolución histórica dalgúns conceptos matemáticos, a importancia de resultados clásicos e modernos, así como as aplicacións dalgunhas teorías básicas, tanto nas propias matemáticas como na arte, arquitectura, bioloxía, ciencias sociais, enxeñaría, ou na música. Este ciclo, de carácter formativo e divulgativo, é unha iniciativa do Departamento de Xeometría e Topoloxía da Facultade de Matemáticas da USC.
A primeira cita deste ciclo será o vindeiro luns, día 26, ás 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, coa conferencia que impartirá o director do Departamento de Análise Matemática da Universidade Complutense de Madrid, José M. Martínez Ansemil, titulada ‘Fourier_MP3, GPS, ...’.
O programa continuará entre os días 5 e 8 co desenvolvemento do seminario ‘Papiroflexia e matemáticas: poliedros estrelados’, que impartirán os docentes Covadonga Blanco García, Fernando Lazo Pérez e María Teresa Otero Suárez, todos eles membros da Asociación Española de Papiroflexia.
Tres créditos de libre configuraciónOs estudantes da USC inscritos poderán validar un total de tres créditos de libre configuración pola súa asistencia e participación nun mínimo de nove das dez sesións programadas. No seu conxunto, o ciclo articúlase nunha serie de dez conferencias ou seminarios cunha duración de entre 120 e 180 minutos. Os conferenciantes serán docentes e investigadores universitarios procedentes da propia USC e de centros do País Vasco, Valladolid ou Granada, así como profesores do ensino secundario.

The contents of this page were updated on 02.23.2007.