Skip to main content

O reitor da USC participa na xuntanza que o Grupo de Traballo de Tecnoloxías da Información e das Comunicación da CRUE organiza na Universidade de León

Senén Barro intervirá nunha mesa redonda sobre Sociedade da Información e Universidades

O Grupo de Traballo sobre Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (TIC-CRUE) celebrará este martes, día 27, unha xuntanza de traballo na Universidade de León dedicada monograficamente ao tema ‘TIC e universidades: estratexias’. O reitor da USC, Senén Barro, intervirá neste encontro no transcurso dunha mesa redonda sobre ‘Sociedade da Información e Universidades’.
O programa desta xuntanza comezará coa presentación do estudo CRUE-TIC no SUE 2006 a cargo de Antonio Fernández Martínez, da Universidade de Almería, e de Sara Fernández López, da USC. A continuación, o presidente do Comité Executivo de UCISA, Mike Roch, e o membro do Grupo de Traballo HEITS de UCISA, Carys Thomas, presentarán o relatorio titulado ‘UCISA: some background and UK IT Statistics Analysis’.
O presidente da CRUE, Juan Antonio Vázquez García, continuará a quenda de intervencións co relatorio ‘As TIC nun novo modelo de Universidade’. Deseguido, representantes de universidades de Castela-León e de Andalucía profundarán nas estratexias das súas respectivas comunidades autónomas no ámbito das TIC universitarias.
Pola súa banda, o subdirector xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Luís Prieto, e o director xeral de Red.es, Sebastián Muriel, achegarán a visión da Secretaría de Estado de Telecomunicacións respecto da relacións entre a Sociedade da Información e as universidades. Completando a quenda da mañá, o secretario xeral do Consello de Coordinación Universitaria, Félix García Lausín, e o director xeral de Universidades, Javier Vidal García, ofrecerán a visión deste mesmo tema dende a perspectiva da Secretaria de Estado de Universidades. Estes dous relatorios completaranse coa celebración dunha mesa redonda presidida polo presidente do Grupo de Traballo TIC-Crue, Pedro Burillo, e na que participarán o reitor da USC, Senén Barro, e o vicerreitor de Innovación Tecnolóxica da Universidade de León, Carlos Redondo.
A xornada da tarde, dedicarase ao desenvolvemento de cuestións de traballo interno do grupo coa presentación do informe do presidente do Grupo e dos coordinadores dos subgrupos de traballo.

The contents of this page were updated on 02.26.2007.