O Consello Científico do CEER acorda elaborar un novo programa de actividades destinadas a impulsar as relacións eurorrexionais universitarias
O Consello Científico da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal reuniuse esta semana na Universidade de Vigo nunha xuntanza á que asistiron profesores de recoñecido prestixio das seis universidades membros desta fundación, a Universidade de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Minho, Porto e Tras-os-Montes e Alto Douro.
Esta reunión científica tivo como obxectivo a posta en común do traballo desenvolvido pola fundación nas seis universidades, a valoración de posibles carencias e a elaboración dun programa de actividades coa definición das liñas estratéxicas a seguir. Destacouse, entre outras, a necesidade de traballar na definición dunha Eurorrexión do Coñecemento entre Galicia e o Norte de Portugal que poida impulsar a creación de redes de investigadores e profesores en temáticas de desenvolvemento rexional e socioeconómico.
Valorouse tamén como necesario potenciar as relacións eurorrexionais coa organización dun congreso anual universitario que sirva de foro de debate e punto de encontro entre as comunidades universitarias. A mobilidade a través da concreción dun programa Sócrates eurorrexional que permita intercambios fluídos de alumnos e profesores, o desenvolvemento dun programa de posgrao oficial conxunto en socioeconomía e desenvolvemento eurorrexional e o impulso da revista Estudios Eurroexionais xestionada conxuntamente polas 6 universidades públicas da Eurorrexión, foron outros dos temas tratados.