Skip to main content

O grupo español da Asociación Internacional de Hidroxeólogos celebra na USC unha xornada sobre as augas subterráneas

O grupo español da Asociación Internacional de Hidroxeólogos (AIH-GE) celebra na USC dende este mércores, día 7, e ata o venres 9 unha xornada na que se analizarán as augas subterráneas en España ante as directivas europeas. O encontro inaugurarase este mércores, ás 10:00 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) de Santiago, nun acto ao que asistirán o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez; o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino; o subdirector da ETSE, Alberto Bugarín; e o presidente da AIH-GE, Jorge Molinero.
En 2000 publicouse no Diario Oficial das Comunidades Europeas a Directiva Marco da Auga 2000/60/CE que establece un marco común para a protección das augas. Esta directiva diríxese fundamentalmente á protección dos ecosistemas e do medio acuático, a promover un uso sostible da auga e a reducir a súa contaminación, todo isto coa finalidade de alcanzar un “bo estado das augas” nun prazo de quince anos. Xa en 2006 aprobouse a nova Directiva 2006/118/CE relativa á Protección das Augas Subterráneas contra a Contaminación e o Deterioro, que complementa e desenvolve en maior detalle a anterior no referente ás subterráneas.
A Asociación Internacional de Hidroxeólogos (AIH) reúne a máis de 3.700 afiliados de 135 países. Os socios españois, un total de 370, formaron o Grupo Español da AIH que trata de promover os encontros de científicos, técnicos e xestores da auga co obxecto de avanzar no coñecemento dos problemas e na busca de solucións aos problemas relacionados co ciclo hídrico entendido no seu conxunto e coa auga subterránea en particular.
As xornadasAs xornadas, organizadas coa colaboración de membros do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e de Augas de Galicia, comezarán logo da inauguración coa análise dos obxectivos, contido e alcance das directivas europeas, para continuar pola tarde co debate acerca do estado actual de implementación das directivas. Nestas sesións participarán como relatores profesores universitarios e expertos da Comisión Europea, do Ministerio de Medio Ambiente, da Fundación Nueva Cultura del Agua da Universidade de Zaragoza, do Instituto Geológico y Minero de España e da Confederación Hidrográfica del Ebro.

The contents of this page were updated on 11.06.2007.