Skip to main content

O III Foro da Cidadanía e da Comunicación afonda nas particularidades da prensa do Terceiro Sector

A terceira edición do Foro da Cidadanía e da Comunicación porá o seu punto de mira na prensa do Terceiro Sector, como vehículo de transmisión dos intereses e demandas destes colectivos e un dos mellores espellos do seu compromiso social. O foro vaise desenvolver este venres 9 e o sábado 10 na Facultade de Ciencias da Comunicación na procura de abrir novos horizontes de investigación dende a sondaxe das posibilidades de acceso real e efectivo dos movementos sociais aos medios de comunicación.
Neste senso, o Terceiro Sector representaría aquel conxunto de organizacións sen ánimo de lucro cuxos obxectivos se vinculan coa mellora social. Na actualidade, son moitas as organizacións do tecido social galego que veñen facendo un gran labor de comunicacións, plasmado en numerosas publicacións de carácter diverso. Segundo os seus promotores, trátase dunha prensa alternativa ao discurso dos grandes medios de comunicación, apegada ás reivindicacións dos colectivos sociais, cun papel fundamental na articulación dunha cidadanía crítica e participativa, “confiada na comunicación e a liberdade de expresión como principal ferramenta para a construción de tecido cívico”.
Dende esta perspectiva, a prensa do Terceiro Sector constitúe un campo de investigación e análise pouco abordado polo que o Foro pretende chamar atención sobre esta área de estudo e convocar aos investigadores da comunicación á súa reflexión e investigación.
O programaA quenda de intervencións do encontro dará comezo coa conferencia inaugural que pronunciará a partir das 9:30 horas o profesor da Universidade Complutense de Madrid Victor Francisco Sanpedro Blanco titulada ‘A comunicación alternativa’. A continuación, David Casablancas, de Catalunya Radio, abordará a relación entre os medios de comunicación e o Terceiro Sector. Marcos Sebastián Pérez Pena, do Grupo Cidacom, referirase deseguido ao potencial da rede para a comunicación alternativa, seguido por Rosa Muñiz Castro, do Colectivo Cidadanía, cun relatorio sobre a estrutura e necesidades comunicativas do Terceiro Sector en Galicia. A partir das 13:15 horas e completando a sesión matinal, inaugurarase unha exposición sobre o tema do encontro e proxectarase un documental alusivo á prensa neste sector.
A sesión da tarde dará comezo ás 16:00 horas coa presentación dun informe sobre os modelos e ámbitos de incidencia da prensa do Terceiro Sector. O resto do programa dedicarase a traballos prácticos e á presentación de relatorios vinculados co tema do encontro.
Pola súa banda, a xornada do sábado 10 acollerá diversas mesas temáticas arredor das publicacións dos diferentes ámbitos deste sector en Galicia.

The contents of this page were updated on 11.08.2007.