Skip to main content

A Facultade de Farmacia convoca un certame de fotografía no seu 150 aniversario

A Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela convoca, xunto coa Agrupación Mutual Aseguradora (AMA), un certame de fotografía co que, entre outras actividades, se conmemora o 150 aniversario do centro universitario compostelán. O prazo de presentación de traballos rematará o vindeiro 13 de abril.
No concurso, aberto a toda persoa interesada e cunha temática libre, establécense as categorías de fotografía tradicional e fotografía dixital. Os premios concederanse tamén en función das devanditas modalidades; mentres que na categoría dixital será único de 250 euros e elixirase por votación popular a través da web do 150 aniversario, na modalidade tradicional será un xurado o que decida o primeiro premio, dotado con 750 euros, o segundo con 500 e un terceiro con 250 euros, este último concedido entre os integrantes ou licenciados da Facultade de Farmacia da USC.
O xurado do certame estará presidido polo decano da Facultade de Farmacia, José Miñones Trillo, e composto por profesores, fotógrafos e membros do mundo da imaxe, que valorarán a orixinalidade, calidade artística, contido e actualidade das imaxes presentadas. Será tamén o xurado o que seleccione a serie de fotos que se exhibirán nunha exposición a celebrar na Facultade e que posteriormente formarán parte dun catálogo.

The contents of this page were updated on 02.12.2007.