Skip to main content

O consello de dirección analizou cos decanos e directores a posta en marcha das Unidades de Apoio á Xestión de centros e departamentos

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, acompañado por membros do consello de dirección da USC, mantivo esta mañá unha xuntanza con directores e decanos de centro para tratar aspectos relativos ás Unidades de Apoio á Xestión de centros e departamentos, á seguridade e control de acceso aos centros da USC, e ao Plan Plurianual sobre Reformas de Ampliación e Mellora (RAM). Á xuntanza asistiron o xerente, Pedro García Moreno, e os vicerreitores de Relacións Institucionais e Infraestruturas, Lourenzo Fernández e Xoán Carlos Carreira, respectivamente.
Na reunión puxéronse en común distintas propostas que permitan unha axeitada posta en marcha das Unidades de Apoio á Xestión que xa se están a implantar en centros e Departamentos da USC.
A seguridade e o control de acceso aos centros universitarios foi outra das cuestións analizadas, trasladándolle aos responsables dos centros a primeira información sobre este tema. Con esta xuntanza ábrese un período de consultas para coñecer as necesidades dos centros e así pór en marcha o novo plan de seguridade que inclúe un concurso que establecerá medidas máis modernas de control de acceso “co obxectivo de garantir unha igual ou mellor seguridade racionalizando o gasto”, explicou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto.
Respecto do último punto do encontro, os responsables de centro coincidiron en salientar o traballo realizado pola Vicerreitoría de Infraestruturas a través do Plan Plurianual sobre Reformas de Ampliación e Mellora.

The contents of this page were updated on 02.07.2007.