Skip to main content

Nove de cada dez estudantes recomendan cursar as Materias Ponte da USC

Co programa preténdese que os estudantes que cheguen á Universidade adecúen o seu nivel de coñecemento á carreira correspondente

A Universidade de Santiago ten en marcha dende hai varios cursos un programa docente de materias, previo ao inicio das clases, co que os universitarios de primeiro curso poden nivelar o seu grao de coñecemento en cuestións consideradas mínimos necesarios para comezar a titulación correspondente. Nunha enquisa realizada entre os alumnos que este ano cursaron estas Materias Ponte, o 91.1 por cento aconsella aos seus compañeiros que as fagan.
No informe de valoración, desenvolvido pola Vicerreitoría de Calidade e Planificación e o Programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ estes universitarios manifestan estar moi satisfeitos logo de cursar estas materias, coas que, ademais de coñecementos, acadaron unha mellor integración no seu comezo na andaina universitaria. Esta avaliación positiva ponse tamén de manifesto coa cada vez maior matrícula nestas materias, sendo no presente curso 815 os estudantes que decidiron participar no programa e así ter menos dificultades á hora de comprender as materias universitarias.
Os estudantes valoraron ademais positivamente tanto a duración da materia coma os horarios e o número de estudantes por grupo. Xa entre os distintos aspectos das clases impartidas, os enquisados destacan de maneira notable ao profesorado e o método de ensino empregado. Paralelamente, preto do oitenta por cento considera que o sistema de avaliación ao remate das materias foi o axeitado.
Créditos de libre configuraciónUnha vez superado o curso, que sempre se desenvolve en dúas semanas e no mes de setembro normalmente, recoñécense tres créditos de libre configuración nas materias cursadas ata un máximo de dúas.
Este ano académico 2006-07 foron trece as materias ponte ofertadas, sete no Campus de Santiago e seis no de Lugo. En Compostela impartíronse Matemáticas con diversas orientacións en función da titulación elixida, así como Física, Química, Latín, Inglés, Francés e Lingua Galega. No campus lugués as materias ponte foron Debuxo, Física, Química, Matemáticas, Latín e Lingua Galega.
O programa destínase concretamente aos estudantes que comezan en Santiago os seus estudos nas titulacións de Óptica e Optometría, Enxeñaría Química, Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Bioloxía, Farmacia, Filoloxía, Física, Historia, Historia da Arte, Matemáticas e Química. No Campus de Lugo, as materias oriéntanse aos estudantes das Enxeñarías Técnicas Agrícolas, Enxeñaría Técnica en Topografía, Enxeñaría Técnica en Obras Públicas en Transportes e Servizos Urbanos, Filoloxía Hispánica, Humanidades, Ciencias Empresariais, Administración e Dirección de empresas e Veterinaria.

The contents of this page were updated on 02.09.2007.