Skip to main content

A USC colabora no desenvolvemento do proxecto 'Voluntariado en Defensa do Monte Galego'

A Universidade de Santiago, a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria, colabora no proxecto ‘Voluntariado en Defensa do Monte Galego’ que na actualidade ten en marcha a segunda fase de acción directa. A intención desta iniciativa é que as persoas participantes no proxecto patrullen os montes galegos, palmo a palmo, evitando a aparición de posibles lumes. Os dispositivos mobilizarán a 200 voluntarios cada fin de semana, para o que recibirán formación previa e contarán con material axeitado e con coordinadores locais que os asesorarán nos seus cometidos.
A vixilancia desenvolverase en colaboración coa Consellaría do Medio Rural, que xa delimitou once zonas cun maior risco de lumes que agrupan 40 concellos das catro provincias. Estas tarefas de prevención constituirán un dos tres piares fundamentais na loita contra os incendios. Ademais traballarase por acelerar unha nova política forestal e mellorar os medios técnicos na extinción, así como a formación das persoas que participen nestas tarefas.
Dado que as actividades a desenvolver polos voluntarios adaptaranse ao perfil de cada unha das persoas inscritas, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade establecerá contacto persoal con cada persoa interesada para coñecer os seus intereses e dispoñibilidade. Deste xeito, a inscrición dos voluntarios realízase exclusivamente a través do teléfono gratuíto 900 400 800. As persoas interesadas que precisen realizar algún outro tipo de consulta ou suxestión pode facelo a través do formulario de contacto da web www.voluntariadomontegalego.org.
O programa de Voluntariado en Defensa do Monte Galego xurdiu no pasado verán cando os incendios forestais arrasaban Galiza nun intento por dar resposta ao desexo da xente de colaborar na loita contra o lume. Dende o primeiro momento, a iniciativa non foi concibida como unha solución conxuntural, senón como unha aposta de continuidade.

The contents of this page were updated on 04.20.2007.