Skip to main content

O cambio climático e a conservación da biodiversidade analizaranse nun congreso organizado pola USC

Coa pretensión de estudar o cambio climático e a conservación da biodiversidade, a USC organiza xunto co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación de Galicia (CEIDA) e a Universidade da Coruña o ‘I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia’. O prazo de inscrición para participar neste encontro, que se celebrará en Santiago no mes de setembro, xa está aberto.
Centrado na contribución da educación como elemento de loita fronte aos principais retos ambientais actuais, o congreso tamén analizará a sustentabilidade e a instrumentalización da cooperación internacional para este fin.
Nas sesións, investigadores e autoridades da educación ambiental de todos os países do ámbito cultural e lingüístico lusófono e galego teñen a oportunidade de reunirse para debater a contribución da educación na construción de valores, bases culturais e políticas que sirvan á promoción de sociedades sustentables.
No desenvolvemento destas xornadas tamén colabora un comité organizador formado por representantes dos gobernos e movementos sociais de Angola, Brasil, Cabo Verde, Galicia e Portugal, ao que se xunta a participación da Universidade de Vigo, a Sociedade Galega de Educación Ambiental, o Club Internacional de Prensa, o Consello da Cultura Galega e diversas administracións públicas de Galicia.

The contents of this page were updated on 04.23.2007.