Aberto o prazo dunha nova convocatoria de mobilidade docente na USC para Universidades non europeas con convenio bilateral
A Universidade de Santiago mantén aberto ata o 4 de maio o prazo dunha nova convocatoria de mobilidade docente correspondente a 2007 no marco dos convenios bilaterais vixentes con Universidades e institucións educativas de países non pertencentes ao Espazo Europeo de Educación Superior. Os solicitantes deberán ser profesores da USC e ter o visto e prace do director do Departamento ao que pertencen.
As axudas subvencionarán o desprazamento de docentes da USC a unha institución socia co fin de consolidar vínculos entre departamentos e facultades, preparar futuros proxectos de cooperación e potenciar a captación de estudantes de posgrao, entre outros obxectivos.
A dotación económica das axudas, que se destinarán a compensar os custos de mobilidade, será dun máximo de 1.300 euros por profesor. Asemade, os docentes obterán aloxamento e manutención nas residencias e comedores universitarios.
Esta convocatoria permitirá de xeito especial acrecentar as relacións da Universidade de Santiago con institucións de Educación Superior de Latinoamérica.