Skip to main content

O reitor da USC analizou a situación das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións nas universidades españolas nunha conferencia no II Foro das Cidades Dixitais

As Tecnoloxías da Información e das Comunicacións estanse utilizando na actualidade de maneira xeneralizada en todas as universidades españolas, institucións que manifestan unha especial preocupación por incorporar estas tecnoloxías como elemento fundamental nas tarefas de investigación, no proceso de ensino e aprendizaxe e como apoio á administración e dirección universitaria. Trátase dunha das ideas expostas polo reitor da USC, Senén Barro, na conferencia pronunciada este xoves en Lugo no transcurso do II Foro das Cidades Dixitais.
Na súa intervención Barro indicou que a implantación das TIC no espazo universitario “debe seguir evolucionando e madurando, como peza clave para facer más eficientes as institucións universitarias e modernizar a prestación dos seus obxectivos básicos, como elemento dinamizador da Sociedade da Información en España”. A este respecto, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) presentou a pasada semana o informe realizado polo Grupo TIC da CRUE sobre ‘As TIC no Sistema Universitario Español (2006): unha análise estratéxica’, documento que dirixiron os reitores das universidades de Santiago e Pública Navarra, Senén Barro e Pedro Burillo, respectivamente, coa participación dun destacado grupo de expertos da USC.
DocenciaSegundo expuxo o reitor compostelán, as universidades españolas apostan polas TIC como ferramenta de mellora do proceso docente procurando, entre outras iniciativas, que todas as aulas dispoñan dun ordenador conectado a Internet (actualmente téñeno o 28,9%) e un proxector multimedia (agora existe un por cada dúas aulas), que todas as materias teñan plataforma de docencia virtual (actualmente utilízana o 37%) e que exista cobertura de redes sen fíos no 100% dos campus (na actualidade esta cobertura é do 54%).
Na conferencia tamén se puxo de manifesto que a docencia virtual ten progresado significativamente nos últimos anos, xa que o 87,2% das universidades teñen plans de implantación de docencia virtual, o 43% dos profesores utilizan plataformas de docencia virtual como apoio as súas clases e o 60% dos estudantes cursaron materias que utilizan este tipo de ferramentas.
Xunto estes datos, Senén Barro apuntou tamén que os universitarios poden acceder á intranet das universidades dende os seus enderezos, con servizos de valor engadido como licencias de software corporativas, acceso a almacenamento virtual e a laboratorios virtuais.
InvestigaciónA principal ferramenta TIC no ámbito da investigación é Internet. Neste capítulo, o reitor da USC considera que a conexión á rede nas universidades pode cualificarse de excelente, “todas de Banda Ancha (10/1000 Mbps), e a interconexión entre as mesmas a través de RedIRIS ten velocidades de transmisión de 10 Xbps que permiten aplicacións avanzadas de docencia e investigación, así como compartir recursos de supercomputación”.
A pesar de atoparse nun bo nivel, Senén Barro considera necesario incrementar a difusión dos resultados de investigación a través da web (o 93% faino actualmente) e as aplicacións de xestión da investigación (actualmente dispoñen delas o 91% das universidades).
UsuariosPolo que respecta aos usuarios, o 96% do Persoal Docente e Investigador e o 100% do Persoal de Administración e Servizos contan con servizos de Internet, aínda que é necesario incrementar a formación en TIC de toda a comunidade universitaria. Finalmente, aínda que os alumnos universitarios manifestan posuír un coñecemento “suficiente” de habilidades TIC, en opinión do reitor da USC sería desexable mellorar a súa formación de cara á súa inserción profesional.
Grao de informatización dos servizosO grao de informatización dos distintos servizos universitarios pode considerarse variable xa que fronte a porcentaxes de practicamente o 100% de penetración de aplicacións, como consulta de notas a través da web, automatrícula web ou consultas a bibliotecas, existen servizos de escasa implantación como os relacionados coas compras electrónicas ou a sinatura dixital, que non superan o 25% de implantación.
Á vista destes datos, o reitor da Universidade de Santiago avogou por incrementar a informatización de todos os servizos universitarios (actualmente no 60%), así como os elementos de administración electrónica (a día de hoxe ao 40% da súa posible implantación), mellorando elementos de seguridade tales como os plans de continxencia ante desastres (o 42% das universidades non dispón dun).
Dende unha perspectiva global, as universidades apostan pola mellora da implantación das TIC para o que consideran necesario unir esforzos e abordar proxectos conxuntamente contando co apoio institucional do Goberno e cun maior financiamento das Comunidades Autónomas. A este respecto, o Grupo TIC da CRUE dirixiu recentemente as súas propostas a varios Ministerios ademais de que comezou a deseñar un Plan Estratéxico TIC do Sistema Universitario Español para o período 2008-2011, que sirva para unir esforzos e planificar entre todas as universidades a implantación de novas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, “un elemento crucial na modernización das institucións universitarias e no novo marco de mobilidade fixado polo Espazo Europeo de Educación Superior”.

The contents of this page were updated on 04.26.2007.