Skip to main content

O decano da Facultade de Ciencias e o director da Escola Politécnica Superior de Lugo tomaron posesión dos seus cargos

A Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo acolleu este xoves o acto de toma de posesión do profesor Francisco Fraga López como decano da Facultade de Ciencias e de Javier Bueno Lema como director da Escola Politécnica Superior.
O acto protocolario estivo presidido polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre. Tamén acompañaron a Javier Bueno e Francisco Fraga os seus respectivos equipos de goberno, así como compañeiros e amigos.
Tras a lectura da acta de investidura por parte de Carlos Herrero e o xuramento de lealdade dos protagonistas, Francisco Fraga e Javier Bueno interviñeron cos seus respectivos discursos. Vista a preocupación dos dous pola adaptación das titulacións ao Espazo Europeo de Ensinanza Superior, Senén Barro aproveitou a ocasión para recomendar aos docentes asistentes ao acto que esta se debe abordar “con ilusión, razón académica e compromiso coa calidade”.
Francisco Fraga LópezFraga López é doutor en Ciencias Físicas pola USC e profesor da nesta Universidade dende 1994. En 2002 foi escollido vicedecano da Facultade de Ciencias e pasou a ser decano en funcións cando Carlos Herrero Latorre foi nomeado vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo. Tras 7 meses provisionais ostentou oficialmente o cargo de decano e na actualidade esta é a súa segunda lexislatura á fronte do centro. Autor de 45 publicacións internacionais en revistas, principalmente no eido das investigacións sobre polímeros sintéticos e naturais, actualmente ocupa o posto de vicepresidente nacional na Conferencia de Directores e Decanos das Escolas e Facultades que imparten Enxeñaría Técnica Industrial.
Para os vindeiros catro anos Francisco Fraga inclúe no seu programa de traballo o acondicionamento do laboratorio do soto da Facultade de Ciencias como Sala de Catas do Campus de Lugo, o desenvolvemento dos Programas Oficiais de Posgrao, incrementar o número de convenios de colaboración con outras universidades dentro do programa ERASMUS-SÓCRATES, ou impulsar a creación dunha Asociación de estudantes en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.
Javier Bueno LemaBueno Lema é doutor enxeñeiro agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid despois de realizar os seus estudos de terceiro ciclo no Departamento de Enxeñaría Rural. Profesor da USC dende 1991, foi ademais director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da EPS, e da residencia universitaria Bay y Gay. En maio de 2006 foi nomeado vicerreitor adxunto de Oferta e Xestión Académica da USC, posto ao que renunciou en favor da dirección da EPS.
Unha das maiores preocupacións que recollía Javier Bueno no seu programa electoral é a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e aposta por lograr unha oferta axeitada de títulos Máster. Aproveitando esa adaptación propón a mellora e creación de infraestruturas na EPS como seminarios para traballos en grupo, aulas pequenas con mesas móbiles ou novos departamentos. Tamén inclúe entre as súas propostas diferentes medidas de proxección social da Escola para evitar a perda de alumnado, métodos de avaliación e mellora da calidade do ensino e do profesorado, ou a promoción de programas de intercambio Sócrates/Erasmus e Sicue/Séneca para as titulacións de Obras Públicas e Topografía.

The contents of this page were updated on 04.26.2007.