Comezou o curso de habilidades sociais de relación, comunicación e traballo en grupo
O vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos, inaugurou hoxe no Arquivo Histórico Universitario o curso de Habilidades Sociais de Relación, Comunicación e Traballo en Grupo, impartido polo profesor José Antonio de Prado Díez. O seminario analizará, entre outras cuestións, os esquemas mentais e as súas limitacións na vida diaria ou os elementos do proceso de comunicación.
Cunha demanda que superou as 30 prazas, ás clases asisten 23 alumnos, 3 docentes e 8 PAS. A metodoloxía das xornadas, centrada en crear un clima no que as persoas se sintan estimuladas a participar nos exercicios e na simulación de reunións, impediu a ampliación da cota de asistentes.
As sesións académicas teñen como obxectivos desenvolver nos participantes unhas actitudes adecuadas que faciliten as relacións interpersoais e o traballo en grupo, mellorar a capacidade de comunicación e de escoita e promover nos participantes unha experiencia activa fomentando a colaboración fronte á competitividade para gañar eficacia.