Skip to main content

O Ibader forma expertos en xestión de residuos agrogandeiros

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) organiza a II edición do curso de formación continua da USC ‘Xestión de residuos xerados nas explotacións agrogandeiras e nas industrias agrarias de transformación’ que se inaugura este xoves, día 8, ás 17:00 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo. No acto, o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Felipe Macías Vázquez, leerá o relatorio inaugural titulado ‘Perspectivas de futuro da aplicación ó solo de residuos orgánicos’.
O curso englóbase no ‘Máster en xestión ambiental da actividade agrogandeira’ ofertado polo Ibader e dirixido a titulados en Enxeñaría Agrónoma, Enxeñaría de Montes, Veterinaria, Bioloxía, Química, enxeñeiros técnicos ou técnicos da Administración e de empresas relacionadas co sector.
As clases pretenden dar a coñecer os tipos e características dos residuos utilizados nas explotacións agrogandeiras e tecnoloxías máis axeitadas en cada caso para mitigar o seu impacto ambiental. Os alumnos traballarán con contidos como a caracterización dos residuos agrogandeiros, a contaminación producida, as técnicas para a minimización e reutilización destes residuos e o seu marco legal. O curso é semipresencial con clases teóricas e prácticas que se desenvolverán os xoves polas tardes ata o vindeiro mes de xuño no centro do Ibader no Campus de Lugo.

The contents of this page were updated on 02.07.2007.