A EPS e o Grupo Vilares organizan un curso de Experto en Construción Sostible
A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo e o Grupo Vilares organizan para o mes de outubro un curso de Experto en Construción Sostible. As persoas interesadas poderán preinscribirse desde este venres, día 1 de xuño ata o 1 de setembro, momento no que se abrirá o prazo de matrícula que durará dez días.
O curso, que está dirixido a estudantes e titulados de primeiro e segundo ciclo de carreiras técnicas, profesionais en activo ou técnicos das administracións públicas, foi presentado este mércores en roda de prensa, na Vicerreitoría de Coordinación co Campus de Lugo. Ao acto asistiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o vicerreitor de Infraestruturas da USC, Xoán Carlos Carreira Pérez; o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno Lema; o director do curso, Manuel Torres Labandeira; e o director xeral do Grupo Vilares, Carlos Vilares.
Segundo explicou o seu organizador, o curso xurdíu como resposta á crecente demanda de profesionais do sector da construción que desexan ampliar os seus coñecementos neste campo. Entre os contidos que se abordan atópanse aspectos relacionados coa calidade, en consonancia coas normas fundamentais de habitabilidade e o compromiso do sector no ámbito do respecto ao medio ambiente así como a intencionalidade de consolidar unha nova saída laboral como complemento as actuais titulacións académicas.
O curso, cunha duración de 100 horas, comezará o 19 de outubro e rematará o 20 de xaneiro. Nos catro módulos en que se divide abórdanse temas como a situación mundial da construción sostible, a bioconstrución ou o desenvolvemento sostible, entre outros. Nos relatorios participarán docentes da USC, así coma de outras universidades españolas e expertos de empresas do sector e das Adminsitracións Públicas.
Deste xeito, o primeiro dos módulos sobre o panorama mundial en construción sostible comezaría o 19 de outubro coa intervención do subdirector xeral de Innovación e Calidade da Innovación do Ministerio de Vivenda, Javier Serra, acompañado polo catedrático da USC Emilio Carral. Continuará falando sobre lexislación e normativa, xa o 20 de outubro, o tamén catedrático da USC Francisco Maseda. O segundo dos módulos desenvolveríase os días 26 e 27 de outubro, 9 e 10 de novembro, 16, 17, 23, 24 de novembro e 22 de decembro, e baixo o título ‘Construción Sostible’ reuniría as intervencións de arquitectos como Cesar Portela ou profesores da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC como Fernando Losada Pérez.
O terceiro está dedicado ao desenvolvemento sostible e terá lugar os días 14 e 15 de decembro e 11, 12, 18, 19 e 20 de xaneiro, e nel participarán arquitectos ou docentes de diferentes universidades españolas así como expertos de empresas como AENOR ou membros da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.
O último dos módulos, cunha duración de 20 horas, resérvase para a realización dun debate nun foro de internet e para a presentación dun proxecto de fin de curso.