Dous dos máis destacados novos investigadores en cancro de España imparten conferencias esta semana na USC
Os doutores Marcos Malumbres e Joan Seoane, dous dos máis destacados novos investigadores en cancro de España, participan esta semana con dúas conferencias no Programa de Doutoramento en Medicina Molecular da USC.
Marcos Malumbres, que dirixe o Grupo de División Celular e Cancro no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), intervirá este mércores, día 30, ás 12:00 horas na Aula Castelao da Facultade de Medicina, coa conferencia ‘O checkpoint mitótico: inestabilidade xenómica e oportunidades terapéuticas’. Malumbres contribuíu nos últimos anos a revolucionarios avances no campo do ciclo celular, así como desenvolvendo modelos animais de cancro de grande utilidade.
Marcos Malumbres licenciouse en Bioloxía Molecular pola Universidade de Navarra e doutorouse en 1994 na Universidade de León. Dende 1994 ata 1998 traballou en Nova York na xenética do cancro no grupo de Ángel Pellicer. Cando regresou a España incorporouse ao grupo de Mariano Barbacid no recén formado CNIO. En 2003 obtivo unha praza de científico titular do CSIC e ao ano seguinte ascendeu a xefe de grupo no CNIO.
Joan SeoanePola súa banda, Joan Seoane, responsable do grupo de Expresión Xénica e Cancro no Instituto de Investigación Vall d'Hebron, ofrecerá o venres, 1 de xuño, ás 13 horas na Aula 2 do CHUS, a conferencia ‘Papel oncoxénico da vía do TGF-beta en gliomas’.
Seoane é licenciado en Químicas e doutor pola Universidade de Barcelona. De 1998 a 2003 traballou no grupo de Joan Massagué no Memorial Sloan-Kettering Cancer Center (Nova York) onde realizou decisivas e relevantes contribucións sobre as funcións da hormona TGF-beta. Neste senso, acaba de publicar un artigo na revista Cancer Cell no que demostra como TGF-beta contribúe á progresión do glioma, un dos tumores cerebrais máis frecuentes e agresivos.