Skip to main content

A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas presentou en Madrid o seu informe 'As TIC no Sistema Universitario Español: unha visión estratéxica'

O reitor da USC é co-director deste estudo xunto co da Universidade Pública de Navarra

Os reitores das universidades de Santiago e Pública Navarra, Senén Barro e Pedro Burillo, respectivamente, xunto co presidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), Juan Vázquez, presentaron este mércores na Universidade Complutense o informe realizado polo Grupo TIC da CRUE sobre ‘As TIC no Sistema Universitario Español (2006): unha análise estratéxica’. O estudo, que dirixiron Senén Barro e Pedro Burillo, contou coa participación de 52 universidades, o que supón practicamente o 90 por cento dos universitarios españois.
Na elaboración do informe participou un equipo de expertos da USC, entre os que se atopan a profesora do Departamento de Economía Financeira e Tributaria Sara Fernández, en calidade de co-coordinadora do traballo; o director da Área TIC da USC, Javier Franco Tubio; os profesores do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade Raúl Canay e David Rodeiro Pazos; e o docente do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización, Emilio Ruzo Sanmartín.
O informe conclúe que as TIC se están utilizando de maneira xeneralizada en todas as universidades e que estas se preocupan por incorporar estas tecnoloxías como elemento fundamental nas tarefas de investigación, no proceso de ensino e aprendizaxe e como apoio á administración e dirección universitaria. Aínda que o resultado pódese considerar satisfactorio, a implantación das TIC “debe seguir evolucionando e madurando, como peza clave para facer más eficientes as institucións universitarias e modernizar a prestación dos seus obxectivos básicos, como elemento dinamizador da Sociedade da Información en España”, sinalaron os responsables do informe na presentación.
Docencia
As universidades apostan polas TIC como ferramenta de mellora do proceso docente procurando, entre outras iniciativas, que todas as aulas dispoñan dun ordenador conectado a Internet (actualmente téñeno o 28,9%) e un proxector multimedia (agora existe un por cada dúas aulas), que todas as materias teñan plataforma de docencia virtual (actualmente utilízana o 37%) e que exista cobertura de redes sen fíos no 100% dos campus (na actualidade esta cobertura é do 54%).
O mesmo informe sinala que a docencia virtual ten progresado significativamente nos últimos anos, xa que o 87,2% das universidades teñen plans de implantación de docencia virtual, o 43% dos profesores utilizan plataformas de docencia virtual como apoio as súas clases e o 60% dos estudantes cursaron materias que utilizan este tipo de ferramentas.
Xunto estes datos, o traballo apunta que os universitarios poden acceder á intranet das universidades dende os seus enderezos, con servizos de valor engadido como licencias de software corporativas, acceso a almacenamento virtual e a laboratorios virtuais.
Investigación
A principal ferramenta TIC no ámbito da investigación é Internet. Neste capítulo, os responsables do informe consideran á vista dos resultados obtidos que a conexión á rede nas universidades pode cualificarse de excelente, “todas de Banda Ancha (10/1000 Mbps), e a interconexión entre as mesmas a través de RedIRIS ten velocidades de transmisión de 10 Xbps que permiten aplicacións avanzadas de docencia e investigación, así como compartir recursos de supercomputación”.
A pesar de atoparse nun bo nivel, o informe propón incrementar a difusión dos resultados de investigación a través da web (o 93% faino actualmente) e as aplicacións de xestión da investigación (actualmente dispoñen delas o 91% das universidades).
UsuariosPolo que respecta aos usuarios, o 96% do Persoal Docente e Investigador e o 100% do Persoal de Administración e Servizos contan con servizos de Internet, aínda que o informe apunta a necesidade de incrementar a formación en TIC de toda a comunidade universitaria. Neste senso, a porcentaxe de PDI que seguiu cursos de formación en competencias TIC é do 15%, cifra que os responsables do traballo consideran que debe incrementarse. Finalmente, aínda que os alumnos universitarios manifestan posuír un coñecemento “suficiente” de habilidades TIC sería desexable mellorar a súa formación de cara á súa inserción profesional.
Grao de informatización dos servizosO grado de informatización dos distintos servizos universitarios pode considerarse variable xa que fronte a porcentaxes de practicamente o 100% de penetración de aplicacións, como consulta de notas a través da web, automatrícula web ou consultas a bibliotecas, existen servizos de escasa implantación como os relacionados coas compras electrónicas ou a sinatura dixital, que non superan o 25% de implantación.
Á vista destes datos, do informe da CRUE despréndese a necesidade de incrementar a informatización de todos os servizos universitarios (actualmente no 60%), así como os elementos de administración electrónica (a día de hoxe ao 40% da súa posible implantación), mellorando elementos de seguridade tales como os plans de continxencia ante desastres (o 42% das universidades non dispón dun).
En relación ao software libre o informe destaca que o 9% dos ordenadores universitarios dispoñen dun sistema operativo “libre” e que tres de cada dez dos produtos informáticos utilizados nas universidades españolas son de software libre.
Polo que respecta ao orzamento destinado en 2005 ás TIC nas Universidades supón un 3,2% do total, cunha media de 201 € por alumno e ano. Neste senso, o documento presentado sinala que sería necesario incrementar esta partida económica para posibilitar o desenvolvemento das accións de mellora propostas no informe.
Dende unha perspectiva global, as universidades apostan pola mellora da implantación das TIC para o que consideran necesario unir esforzos e abordar proxectos conxuntamente contando co apoio institucional do Goberno e cun maior financiamento das Comunidades Autónomas. A este respecto, o Grupo TIC da CRUE dirixiu recentemente as súas propostas a varios Ministerios.
De xeito paralelo, o Grupo TIC comezou a deseñar en base aos resultados obtidos, un Plan Estratéxico TIC do Sistema Universitario Español para o período 2008-2011, que sirva para unir esforzos e planificar entre todas as universidades a implantación de novas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, “un elemento crucial na modernización das institucións universitarias e no novo marco de mobilidade fixado polo Espazo Europeo de Educación Superior”.

The contents of this page were updated on 04.18.2007.