Skip to main content

Inaugurado o Recanto da Saudade da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC

Numeroso público deuse cita na inauguración do Recanto da Saudade no Campus Sur
Numeroso público deuse cita na inauguración do Recanto da Saudade no Campus Sur

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago (AAAAUSC) inaugurou este martes no Campus Sur o Recanto da Saudade, proxecto ideado polo finado doutor Sixto Seco que se puido materializar grazas á colaboración do Concello de Santiago e a USC. Concibido como espazo de celebración dos aniversarios das distintas promocións universitarias, no Recanto da Saudade instalouse un monolito de pedra que simboliza o regreso á cidade dos antigos compañeiros da Universidade.
No acto de inauguración interviñeron o reitor da USC, Senén Barro; o presidente da AAAAUSC, Perfecto Yebra Martul-Ortega; a profesora e filla de Sixto Seco, Esperanza Sixto da Silva; e a concelleira da Presidencia e Relacións Institucionais do Concello de Santiago, Teresa García-Sabell Tormo. Todos eles lembraron con agarimo ao finado doutor, de quen destacaron o seu continuo entusiasmo, á vez que subliñaron o carácter emotivo do acto.
Esperanza Sixto, en representación da familia, expresou o seu agradecemento ás entidades que fixeron posible a materialización do proxecto e lembrou a ilusión que o seu pai tiña posta no Recanto. Pola súa parte, o reitor fixo fincapé na existencia doutros lugares emblemáticos para a USC dentro da cidade de Santiago, centrando o fío central da súa intervención na “saudade” que senten os ex alumnos da Universidade unha vez que rematan o seus estudos. “De aí a xustificación da existencia dun lugar especial coma o que hoxe inauguramos, no que poidan lembrar os seus anos de estudantes na cidade compostelá e renovar o seu compromiso coa institución na que se formaron”, manifestou Barro.

The contents of this page were updated on 05.22.2007.