Skip to main content

A profesora María Dolores Álvarez Pérez tomou posesión do seu cargo como vicerreitora de Calidade e Planificación

Os vicerreitores que tomaron posesión este xoves xunto co Consello de Dirección da USC reunidos no Colexio de San Xerome
Os vicerreitores que tomaron posesión este xoves xunto co Consello de Dirección da USC reunidos no Colexio de San Xerome
No mesmo acto protocolario tamén tomaron posesión os vicerreitores adxuntos de Oferta e Xestión Académica e de Investigación e Proxección Exterior

A profesora María Dolores Álvarez Pérez tomou posesión este xoves, día 10, do seu cargo como vicerreitora de Calidade e Planificación nun acto protocolario celebrado no Salón de Graos do Colexio de San Xerome e presidido polo reitor da USC, Senén Barro. A profesora Álvarez Pérez substitúe no cargo a Mª Paz García Rubio. No mesmo acto tamén tomaron posesión a vicerreitora adxunta de Oferta e Xestión Académica, María Begoña Barreiro Fernández, e o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino García.
A nova vicerreitora de Calidade agradeceu o intenso labor desenvolvido pola súa predecesora no cargo xa que o traballo desenvolvido resulta unha base indispensable para os retos dos próximos tres anos. Neste senso, María Dolorez Álvarez Pérez destacou a necesidade de manter a colaboración coas distintas universidades universitarias, avanzar na mellora e na certificación da calidade dos servizos de administración e servizos, consolidar o Plan de Desenvolvemento Sostible e desenvolver unha estrutura informativa que facilite a toma de decisións no seo da USC.
Pola súa banda, o reitor compostelán ratificou o seu agradecemento e o do conxunto da comunidade universitaria ao compromiso e fidelidade co que Mª Paz García Rubio desenvolveu o seu traballo á fronte da vicerreitoría de Calidade e Planificación. Senén Barro tamén salientou que a pluralidade do actual consello de Dirección permite unha visión de conxunto da USC que redunda directamente nun mellor contexto para a toma de decisións.
Dolores Álvarez PérezDolores Álvarez Pérez é profesora dende o curso 1993-1994 nas licenciaturas de Ciencias Empresariais e Administración e Dirección de Empresas, así como en cursos de posgrao. Ao longo da súa traxectoria profesional, Mª Dolores Álvarez Pérez traballou fundamentalmente en tres campos, o da calidade, a dirección estratéxica de recursos humanos e o goberno corporativo.
Nestes campos céntrase tamén a súa investigación, publicada en revistas de ámbito nacional e internacional. Tamén é referee de varias revistas académicas, algunhas de gran prestixio como Corporate Governance: An International Review. Colaborou con Correos y Telégrafos, SA na avaliación do seu sistema de calidade mediante o modelo EFQM e, durante sete anos antes de incorporarse á Universidade, desempeñou postos de xestión en empresas como Televés, SA ou en organizacións sen animo de lucro como a Real Sociedad Económica de Amigos del País.
Begoña Barreiro FernándezBegoña Barreiro é profesora no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. Licenciouse e doutorouse en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago. Imparte docencia dende o ano 1995 na Licenciatura de Administración e Dirección de Empresas, na Diplomatura de Estudos Empresariais e na Licenciatura de Tecnoloxía dos Alimentos, todas elas en Lugo. Con anterioridade a súa designación foi vicerreitora adxunta de Investigación e Proxección Exterior e secretaria da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.
As súas investigacións céntranse nas tomas de decisións multicriterio, na problemática da empresa familiar e na análise das características dos emprendedores. É membro da Cátedra da Empresa Familiar da USC e vocal do Ilustre Colexio de Economistas de Lugo.
Agustín Merino GarcíaAgustín Merino é doutor en Biloxía pola USC e fixo unha estadía na Universidade de Göttingen co programa Human Mobility. Pertence ao Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo onde imparte clases de Degradación e Conservación do solo e é vicepresidente do Insituto Europeo do Bosque Cultivado.
As súas liñas de investigación están enfocadas cara a xestión forestal, eido no que dirixe varios traballos nacionais e internacionais. Ademais é editor temático da ‘European Journal of Forest Research’.

The contents of this page were updated on 05.10.2007.