Skip to main content

Peter David Lax, Premio Abel 2005, reuniuse en Compostela con investigadores da USC

De esquerda a dereita, Jorge Mira, Lourenzo Fernández Prieto, Andrés Fariña e Peter Lax este martes na súa conferencia no CGAC
De esquerda a dereita, Jorge Mira, Lourenzo Fernández Prieto, Andrés Fariña e Peter Lax este martes na súa conferencia no CGAC
O prestixioso matemático apadriñará os actos de celebración do 50 aniversario da Facultade de Matemáticas

O prestixioso matemático Peter David Lax, Premio Abel en 2005, visita estes días Compostela nunha actividade enmarcada no programa ConCiencia que organiza a USC co Consorcio de Santiago. Peter David Lax (Budapest, 1926), que o martes pronunciou no CGAC a conferencia ‘Vida e época de von Neumann’, reuniuse este mércores con investigadores da universidade. Será tamén el o que apadriñe os actos do 50 aniversario da Facultade de Matemáticas.
Considerado o matemático máis versátil da súa xeración con contribucións seminais a moitas ramas desa ciencia, Lax foi merecedor en 2005 do Premio Abel, outorgado polo rei de Noruega á imaxe e semellanza dos Premios Nobel en Suecia. En 1945, con tan só 19 anos, integrábase no famoso Proxecto Manhattan que construíu a primeira bomba atómica, no que el se dedicou ao transporte de neutróns.
Datos biográficosEn plena II Guerra Mundial unha familia xudea húngara, cuxo cabeza de familia era o médico do cónsul americano en Budapest, escapaba do horror nazi, vía Lisboa, cara os EE.UU. Nesa familia estaba Peter David Lax, de tan só 15 anos. Aos poucos meses chegaba á súa nova casa americana John von Neumann, unha das eminencias do Instituto de Estudos Avanzados de Princeton, xunto con Einstein, Kurt Gödel e Robert Oppenheimer.
A traxectoria do mozo Peter Lax foi mítica. En 1945, con 18 anos, integrábase no proxecto Manhattan, unhas semanas antes do Trinity Test, a primeira detonación nuclear da historia feita polos norteamericanos en Alamogordo, Novo México, antes de empregala contra o Xapón. Pero a súa vida científica aínda non empezara. Fixo importantes contribucións á teoría e aplicación de ecuacións diferenciais parciais e á computación das súas solucións. El é, de feito, o fundador da matemática computacional moderna, que hoxe nos axuda por exemplo nas predicións meteorolóxicas. De referencia son os seus traballos sobre ondas de choque, de aplicacións non só para comprender os efectos dunha bomba atómica, senón tamén para o deseño de avións.
Pero ademais de ser a figura dominante da matemática aplicada do século XX, tamén é figura central na matemática pura. Como exemplo, para a historia queda a Conxectura de Lax, lanzada por el en 1958 e que tardou máis de catro décadas en demostrarse. Non quedan aí as súas notables achegas, que abarcan dende as ecuacións diferenciais parciais ata as aplicacións en enxeñaría. O seu nome asóciase a moitos dos principais logros en matemáticas: Lema de Lax-Milgram, o Teorema da Equivalencia de Lax, o Esquema de Lax-Friedrichs, o Esquema de Lax-Wendroff, a condición de entropía de Lax ou a Teoría de Lax-Levermore.

The contents of this page were updated on 10.31.2007.