Skip to main content

O ciclo de divulgación 'Unha andaina polas matemáticas' adéntrase na relación xeométrica da arte a natureza

A profesora do Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Valladolid Encarnación Reyes Iglesias pronuncia o vindeiro luns, día 14, unha nova conferencia do ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina polas matemáticas’. Co título ‘Arte e natureza: unha visión xeométrica’, a intervención desenvolverase a partir das 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
Nesta conferencia, a profesora Reyes Iglesias enunciará algúns dos tópicos matemáticos con maior relación coa Arte e a Arquitectura, facendo especial fincapé na teoría da Proporción por ter ademais importantes aplicacións na natureza. Encarnación Reyes ilustrará estas propiedades xeométricas mediante exemplos da arquitectura máis emblemática do ambiente, así como de especies vexetais e animais susceptibles de ser analizadas matematicamente.
Dende antigo, Arte e Xeometría evolucionaron conxuntamente, sendo impensable a separación de ambas disciplinas. Por outra banda, a natureza mostra multitude de exemplos de seres vivos e inertes cuxas formas foron representadas por modelos matemáticos creados polo home ao longo da historia do coñecemento.
Unha andaina polas matemáticasO obxectivo das distintas sesións previstas dentro deste ciclo organizado pola Facultade de Matemáticas é amosar aos asistentes a evolución histórica dalgúns conceptos matemáticos, a importancia e fermosura de resultados clásicos e modernos, así como as aplicacións dalgunhas teorías básicas, tanto nas propias matemáticas como en disciplinas como a Arte, Arquitectura, Bioloxía, Ciencias Sociais, Enxeñaría, Física, Informática, Música e Química.
No seu conxunto, o ciclo articúlase nunha serie de dez conferencias ou seminarios cunha duración de entre 120 e 180 minutos. Os conferenciantes son docentes e investigadores universitarios procedentes da propia USC e de centros do País Vasco, Valladolid ou Granada, así como profesores do ensino secundario.

The contents of this page were updated on 05.11.2007.