O Maratón Fotográfico do Campus reune este mércores en Lugo a decenas de afeccionados
A décimo terceira edición do Maratón Fotográfico do Campus reunirá este mércores, día 23, a decenas de participantes que durante todo o día percorrerán Lugo tirando fotos coas súas cámaras. O concurso está organizado por Lugo Cultural en colaboración co grupo cinematográfico Fonmiñá.
Os inscritos deberán presentarse ás 11:00 horas de este mércores na Aula de Fotografía da Facultade de Veterinaria, onde se lles darán as instrucións sobre a competición, se lles entregará a película coa que deben facer as fotos e se lle comunicarán os dous temas que impón a organización, sendo o terceiro libre. Os participantes contan con 24 horas para realizar as súas fotografías, polo que deberán entregar o carrete ás 11:00 horas do xoves.
Unha vez recollidas as películas, serán reveladas e positivadas nunha folla de contacto. Cada participante debe pasar o día 1 de xuño pola Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación para escoller as fotografías que presenta a concurso e poñerlles título. O xurado valorará as copias xa reveladas pola organización e se outorgará un premio de 100 euros máis trofeo para a mellor fotografía de cada categoría, pero ademais a película de nivel medio máis alto recibirá 175 euros e un trofeo de recoñecemento. Os requisitos para acadar este premio baséanse na exposición correcta das fotos, na variedade dentro dos temas propostos e na creatividade.
As fotografías presentadas serán expostas nunha mostra recompilatoria dos traballos realizados no Maratón Fotográfico do Campus de Lugo. Despois dun mes da súa celebración os participantes poderán recoller as súas fotos, a excepción das fotografías premiadas que pasarán a ser propiedade da USC. Esta mostra viaxará tamén ao Campus de Santiago como nas anteriores edicións.