Skip to main content

O catedrático da USC Ignacio García, novo presidente da Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa

O catedrático da USC Ignacio García Jurado no seu despacho da Facultade de Matemáticas
O catedrático da USC Ignacio García Jurado no seu despacho da Facultade de Matemáticas

O catedrático do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC Ignacio García Jurado foi proclamado para os vindeiros tres anos presidente da Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa durante o transcurso do XXX Congreso Nacional de Estatística e Investigación Operativa que se celebrou o pasado venres 27 en Valladolid.
Fundada en 1962, esta sociedade matemática reúne aos académicos e profesionais españois máis relevantes da estatística e da investigación operativa. Na actualidade, conta con preto de mil socios, publica dúas revistas de difusión e impacto internacional e organiza regularmente unha reunión anual que, este ano, acolleu a máis de catrocentos participantes.
Ignacio García JuradoCatedrático da USC dende maio de 2000, Ignacio García centra a súa labor científica na teoría de xogos e na investigación operativa. Ademais, é vogal do Consello Galego de Estatística e editor asociado das publicacións Mathematical Methods of Operations Research e Top.
Por outra banda, este matemático foi presidente da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións dende outubro de 1992 ata novembro de 1997, director do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC dende 1999 ata 2003 e subdirector da Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa dende novembro de 2001 ata outubro de 2004.

The contents of this page were updated on 10.04.2007.