Skip to main content

Comeza a Semana de Benvida de Lugocultural con exposicións e música

O vindeiro luns 15 comeza en Lugo a Semana de Benvida, unha iniciativa organizada por Lugocultural e que conta coa colaboración do grupo Fonmiñá no eido cinematográfico. O programa pretende un achegamento entre a cidade e o campus universitario a través do desenvolvemento de varias actividades das artes escénicas como cine, fotografía, teatro, danza e música.
Deste xeito, o programa do luns comprende a inauguración da exposición ‘Trala pantalla, Asturias e o cine’ na Facultade de Administración e Dirección de Empresas ás 12:30 horas, centro no que permanecerá ata o 19 de outubro. Ao acto inaugural asisitirá o delegado de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico, Deportes, Normalización Lingüística e Ensino da Deputación Provincial de Lugo, Antón Veiga; o director da Semana Internacional de Cine de Autor, Manuel Curiel; o vicedecano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Manuel Veiga; o secretario da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Emilio Ruzo; o xerente da sede de Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; e representantes da Delegación provincial de Lugo da Consellaría de Cultura e Deporte e do Concello lugués.
A mostra, que poderá visitarse posteriormente na EPS entre o 22 de outubro e o 23 de novembro, está comisariada polo asturiano Francisco Jurado, mineiro e apaixonado coleccionista de todo tipo de material relacionado co cine. É autor do libro Programa de mano y Cine Español, no que se recolle boa parte da súa afección e colección. A exposición do seu traballo de investigación e busca do cine asturiano está obtendo unha grande acollida en Asturias. Lugo e a súa Semana de Cine foi a primeira saída que realiza fóra da comunidade asturiana.
10 anos do GCMUSA música está tamén presente nas actividades programadas para o luns, coa presentación do DVD ‘10 anos co Grupo de Creación Musical da USC’ ás 20:00 horas na Escola de Formación do Profesorado.
O Grupo de Creación Musical da USC naceu hai dez anos coa idea de desenvolver a creación musical contemporánea a partir dos conceptos de música concreta e música electroacústica. O primeiro proxecto do grupo foi Mosteiro Suite, obra electroacústica dedicada ao mosteiro de Sobrado dos Monxes da Coruña, e o inicio da ópera Serea e o Contador de Contos inspirada nun conto do escritor Gonzalo Torrente Ballester. Dende ese momento ata hoxe o GCMUS traballou activamente tanto en proxectos con outros espazos da propia universidade como en proxectos coa cidade.
Concertos LubicánXa ás 21:00 horas, e tamén na Escola de Formación do Profesorado, terá lugar o primeiro dos concertos do ciclo Lubican co espectáculo ‘PI’ en torno á manivela de Germán Díaz, que interpretará desde múscias tradicionais ata jazz empregando unha zanfona, unha caixa de música e un órgano de barbaria.

The contents of this page were updated on 10.11.2007.