A USC asiste ao IX Foro de Almagro sobre avaliación para a mellora e acreditación das titulacións e institucións
A Vicerreitoría de Calidade e Planificación da USC participa estes días no IX Foro de Almagro que organizan a Universidade de Castela A Mancha e a Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (Aneca) baixo o lema ‘A garantía da calidade nos novos plans de estudo’. A Ciudad Real acoden, por parte da USC, a vicerreitora de Calidade e Planificación, Mª Dolores Álvarez Pérez, e o adxunto á vicerreitora, Pedro Faraldo Roca.
O Foro Almagro é un espazo concibido para o estudo e reflexión sobre as accións a realizar, en cada un dos cursos académicos, polos órganos universitarios responsables da calidade nas universidades e, en concreto, das Vicerreitorías de Calidade e das Unidades Técnicas de Calidade.
A presente edición do encontro trata de poñer en común as actividades de seguimento dos Plan de Mellora realizadas polas universidades, resultantes dos Plans de Avaliación da Calidade; debater sobre a verificación dos novos plans de estudo; formular os sistemas de garantía interna da calidade e discutir sobre a súa posta en marcha; e harmonizar as principais actividades realizadas polas Unidades Técnicas de Calidade durante este período.
Preténdese pois que os expertos das universidades, axencias autonómicas e Aneca analicen conxuntamente os aspectos máis importantes dos temas propostos, deixando aberto un espazo de reflexión e debate.