O I Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina clausúrase este sábado
O congreso que desde o pasado mércores reúne en Compostela a estudantes de Medicina de España e Portugal chega ao seu fin este sábado 27. O I Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina (CibEMe), ao que asisten alumnos de dez universidades da Península, é o primeiro e único encontro destas características exclusivamente ibérico e nace co fin de permitir unha maior cooperación entre as Facultades, os centros de investigación e as comunidades científicas de ambos os dous países.
Logo de dedicar monograficamente a xornada deste venres á cardioloxía, o sábado será a quenda da cirurxía e outras especialidades médicas, nunha sesión dirixida e presentada polo profesor da USC Manuel Freire-Garabal. O catedrático de Bioloxía Celular e Histoloxía da Facultade de Medicina da Universidade de Cantabria, Miguel Lafarga Coscojuela, será o encargado de pronunciar, ás 9:15 horas, a conferencia inaugural titulada ‘Papel do corpo de Cajal na fisioloxía normal e na atrofia muscular espinal’. A continuación, o profesor do Servizo de Oftalmoloxía do CHUS José Fandiño, falará da importancia da oftalmoloxía na Medicina xeral.
A mañá continuará cos relatorios ‘O proteasoma na saúde e na enfermidade’ e ‘Gastroenteroloxía Pediátrica – Enfermidade Celíaca’ a cargo da catedrática da Universidade de Cantabria María Teresa Berciano e a doutora do Hospital San Marcos de Braga Henedina Antunes, respectivamente. A sesión vespertina dedicarase a estudar o cancro pediátrico, as células nai en neuroloxía e o tratamento das dismorfoses dentofaciais.
A clausura oficial do encontro, que reuniu na cidade aos mellores médicos e científicos da Península Ibérica nos campos da oncoloxía, a cardioloxía, a neuroloxía ou a bioloxía celular, terá lugar o sábado ás 18:30 horas.