Estudantes de Medicina da USC reúnen en Santiago aos mellores especialistas da Península

Estudantes de Medicina de España e Portugal asisten ata o sábado 27 na Universidade de Santiago a nun congreso que, organizado por alumnos da Facultade compostelá, reúne na cidade aos mellores médicos e científicos da Península Ibérica nos campos da oncoloxía, a cardioloxía, a neuroloxía ou a bioloxía celular.
O I Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina (CibEMe) inaugurouse este mércores na Facultade de Medicina nun acto ao que asistiron o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, Germán González; o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán; o vicedecano da Facultade, José Luis Relova; o xerente do CHUS, Jesús Caramés; o xerente do Hospital Policlínico La Rosaleda, Rafael Silva; o presidente do comité científico de CibEMe, José R. González; e o presidente do comité organizador, Mário Rui Gonçalves.
No transcurso desta xornada tivo lugar unha sesión de traballo sobre as perspectivas laborais do médico na Península Ibérica e na UE na que interviñeron os xerentes do CHUS e do Hospital La Rosaleda; o reitor da Universidade portuguesa CESPU, Antonio Almeida; e o director de Docencia e I+D do Grupo Hospital de Madrid-Montepríncipe, Dr. Jesús Peláez. Logo da conferencia do doutor Ginés Sanz, do Centro Nacional de Investigación Cardiovascular ( CNIC) de Madrid, sobre investigación traslacional en Cardioloxía e o traballo e as posibilidades de formación no seu centro, os estudantes mostraron interese nas bolsas e estadías que ofrece o CNIC.
Da oncoloxía á cardioloxíaO programa propiamente académico deu comezo este xoves cunha xornada dedicada exclusivamente á oncoloxía. Así, iniciouse coa conferencia do xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS, Rafael López, titulada ‘Presente e futuro da oncoloxía’. Deseguido tivo lugar unha serie de relatorios sobre a evolución da investigación clínica en oncoloxía, os riscos e beneficios das radiacións ou os coidados paliativos, entre outras cuestións, para dar paso á presentación das comunicacións orais que optan ao Premio CibEMe.
‘Estres, esencia da vida ou bico da morte’ é o título do debate no que, xa pola tarde, participarán os profesores da USC Julio Breña, Manuel Freire-Garabal e María Jesús Núñez. O carcinoma de mama, o cancro de cabeza e colo, o tratamento laparoscópico do cancro ou a bioloxía molecular serán outras cuestións a tratar.
A xornada do venres 26 analizará de xeito monográfico a disciplina cardiovascular, comezando coa conferencia de Carlos Peña, do Servizo de Cardioloxía do CHUS, titulada ‘Desencadenantes de Insuficiencia Cardíaca Aguda’. Deseguido, Luiz Menezes Falcão, da Facultade de Medicina de Lisboa, falará de ‘Epidemioloxía e tratamento da Insuficiencia Cardíaca Crónica’. Tras esta charla terá lugar un debate sobre a medicina trasnacional no que participarán o xefe de Servizo de Reumatoloxía do CHUS, Juan Gómez-Reino; o director do Proxecto Genoma España, Miguel Vega, o director xerente do CIBER, Enrique Caso; e o director xerente da Fundación IDIchus, Ramón Seoane.
As sesións continuarán pola mañá con conferencias sobre os avances en electrofisioloxía cardíaca, a investigación en medicina cardiovascular, a cirurxía cardíaca e as alternativas anestésicas nos pacientes con fármacos que alteran a hemostasia.
Os relatorios continuarán na xornada da tarde con intervencións sobre as novas guías de práctica clínica en hipertensión arterial ou a rehabilitación Cardíaca.
O CibEMeCibEMe, ao que asisten alumnos españois e portugueses de dez universidades da Península, é o primeiro e único congreso de estudantes de Medicina exclusivamente ibérico que nace coa finalidade de permitir unha maior cooperación entre as Facultades de Medicina, os centros de investigación e as comunidades científicas de ambos os dous países.
A pretensión dos organizadores é que a actividade investigadora e o desenvolvemento científico poidan traducirse, no futuro, nunha mellora das capacidades técnicas e humanas dos médicos e investigadores e, consecuentemente, “no avance e no descubrimento de novas e máis eficaces terapias e vías de tratamento en aras de mellorar o servizo prestado aos pacientes e á comunidade”.