O CACTUS de Lugo celebra a vindeira semana unha xornada de portas abertas
Dentro dos actos de celebración da sétima edición da Semana da Ciencia, o Campus de Lugo celebrará os días 6 e 13 de novembro dúas xornadas de portas abertas no novo edificio do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico da USC (CACTUS). Durante estas xornadas haberá distintos actos de divulgación promovidos polos investigadores.
Estas xornadas están dirixidas principalmente aos profesores, doutorando e persoal de administración e servizos coa finalidade de dar a coñecer as grandes infraestruturas de investigación científica instaladas no centro. A iniciativa permitirá aos distintos grupos de investigación da USC, doutras universidades e tamén de diferentes institucións públicas ou empresas privadas, ter acceso a equipos avanzados e a persoal técnico especializado.
Na primeira xornada de portas abertas, que terá lugar o día 6, realizaranse dúas sesións sobre as técnicas de tipo biolóxico: ultramicrotomía, microscopía electrónica, fluorescencia e confocal, análise de imaxe, microdisección láser, citometría de fluxo analítica, separativa e en placa, ensaios reolóxicos, ultracentrificación e electroforese. Estas sesións terán lugar de 10:00 a 12:00 horas, en horario de mañá, e de 16:00 a 18:00 horas, pola tarde. O día 13, e no mesmo horario, a xornada de portas abertas estará centrada na investigación físico-química e de tecnoloxía dos alimentos.
As persoas interesadas en asistir a estas xornadas, poderán solicitar información e reservar a súa praza dirixíndose ao CITT, a través do teléfono 982 252231 (ext. 22854) ou o correo electrónico cittmmar [at] usc.es (cittmmar[at]usc[dot]es).