Skip to main content

O XXXV Congreso da Asociación Europea de Psiquiatría abriu con debates sobre as residencias de anciáns e as depresións

A saúde mental nas residencias dos anciáns e os trastornos depresivos nos maiores son as dúas cuestións coas que comezaron o XXXV Congreso da Asociación Europea de Psiquiatría Xeriátrica (EAGP), a XV Xuntanza da Sociedade Española de Psicoxeriatría (SEPG) e o VIII Congreso da Asociación Portuguesa de Xerontopsiquiatría, que se celebran conxuntamente dende este mércores 20 e ata o sábado 23 na Facultade de Medicina.
Na reunión sobre a saúde mental nas residencias de anciáns, o psicólogo do Hospital Aita Menni e profesor de Psicoloxía na Universidade de Deusto, José Ezquerra, destacou que estes centros deberían estar sempre integrados na súa comunidade e que, polo tanto, teñen que levar a cabo unha actuación no medio residencial baseada nos principios da rehabilitación psicosocial. Deste xeito, José Ezquerra apuntou que a calidade de vida dos maiores nas residencias non só se centra no coidado das súas enfermidades, senón que debe loitar por acadar o seu benestar social, psíquico e emocional.
Sobre o mesmo tema, o presidente do comité científico deste congreso, Manuel Marín, falou sobre os trastornos psicóticos nas residencias e o psiquiatra navarro José de Blas Soto indicou os aspectos clínicos e terapéuticos do enfermo mental grave na terceira idade.
Noutra sala da Facultade de Medicina, varios expertos incidiron nos trastornos depresivos dos maiores comparando a súa situación coa de persoas doutras idades ou profundando na interacción xenética e ambiental. Neste mesmo eido, o psiquiatra sevillano Ángel Moríñigo centrouse na depresión bipolar xeriátrica subliñando a falta de información que existe sobre esta cuestión e recomendou o uso mínimo e cauto dos antidepresivos á hora de tratar a este tipo de doentes. Logo destes dous debates, ás 15:30 horas, oito expertos abordaron en dúas salas da facultade a depresión xeriátrica e a ética na atención a anciáns con demencia.
Inauguración oficialXa pola tarde, o congreso continúa no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa inauguración oficial, ás 18:00 horas, á que asisten o reitor da USC, Senén Barro; a conselleira de Sanidade, María José Rubio; a secretaria xeral de Benestar, María Jesús Lago; o presidente da Asociación Europea de Psiquiatría Xeriátrica, Ralf Ihl; e o presidente organizador do congreso, Raimundo Mateos.
Deseguido, o profesor da Universidade Autónoma de Madrid Enrique Baca ofrece a conferencia inaugural ‘A carga dos coidadores de doentes psicoxeriátricos’ de entrada libre e aberta a todas as persoas interesadas.
Seguintes sesións do encontroNa sesión do xoves, día 21, o congreso abrirá ás 9:00 horas tratando a disfunción executiva na depresión do ancián e a súa saúde mental na Atención Primaria. Ás 11:00 horas, varios expertos explicarán o uso e abuso de substancias na idade avanzada e, ás 13:00 horas, disertarase sobre os síntomas non cognitivos na demencia e nos servizos xeriátricos de saúde mental en Portugal.
A partir das 15:30 horas, o Salón de Actos acollerá un conxunto de charlas acerca dos idosos e a sociedade mentres que, ao mesmo tempo, a Aula Castelao B será sede dunha serie de relatorios sobre a familia e o coidado dos maiores. Pola tarde, o encontro seguirá ás 17:30 horas analizando as perturbacións oficiais e, ás 19:00 horas terá lugar unha asemblea da Sociedade Española de Psicoxeriatría e despois unha homenaxe aos seus ex presidentes.
No transcurso da xornada do venres 22, o encontro comezará ás 9:00 horas profundando no envellecemento e saúde mental e no uso do TEC en psiquiatría xeriátrica. Despois, ás 11:00 horas abordaranse as necesidades dos pacientes con demencia e dos seus coidadores e, xa ás 13:30 horas, trataranse as perspectivas Ibero-Latino-Americana da psicoxeriatría, as novas tecnoloxías para a mellora da atención psicoxeriátrica e os avances en educación e subespecialización en psiquiatría do ancián.
A continuación, a partir das 15:00 horas, especialistas europeos explicarán os avances en educación e subespecialización en psiquiatría do ancián e, media hora máis tarde, analizarán a asistencia domiciliaria ás persoas con demencia e os servizos de psicoxeriatría en Europa. Na sesión vespertina ofrecerase un simposio sobre a investigación en imaxe en psiquiatría xeriátrica. A partir das 19:00 horas, a EAGP ten previsto celebrar a súa asemblea e, ás 20:00 horas, o Teatro Principal acollerá unha representación explicativa sobre a enfermidade do Alzheimer.
Durante a mañá do sábado 23, a partir das 09:00 horas, no encontro comentaranse estudos sobre saúde, idade e xubilación e discutirase sobre a calidade de vida dos coidadores e, ás 11:00 horas, examinarase o progreso da demencia dende o deterioro cognitivo leve ata a demencia nos estadios finais.

The contents of this page were updated on 06.20.2007.