Skip to main content

A USC entregoulle a súa Insignia de Ouro a Lilia Esteban de Carpentier

O vicerreitor Elías Torres falando con Lilia Esteban na súa casa de La Habana en presenza da profesora Ana Chouciño
O vicerreitor Elías Torres falando con Lilia Esteban na súa casa de La Habana en presenza da profesora Ana Chouciño

Lilia Esteban, viúva de Alejo Carpentier, recibiu hai uns días na súa casa de La Habana e de mans do vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago, Elías Torres Feijó, a Insignia de Ouro da institución docente en recoñecemento á estreita colaboración que mantén coa Cátedra homónima de Cultura Cubana creada en Compostela en 1994.
Na cerimonia, na que Elías Torres estivo acompañado da actual directora da Cátedra, Ana Chouciño, participaron ademais a reitora do ISA-Universidade das Artes, Ana María González, e o vicerreitor da Universidade de La Habana, Rolando García. Esta imposición xurde a iniciativa da profesora da USC Iolanda Novo.
O vicerreitor compostelán salientou no acto a xenerosidade e vontade de cooperación de Lilia Esteban Hierro como presidenta da Fundación Alejo Carpentier cara á Cátedra galega. Pola súa banda, a viúva de Carpentier agradeceu enormemente a homenaxe e felicitouse pola proxección Latinoamericana da Cátedra “nunha Universidade de tanto prestixio”.
A Cátedra de Cultura Cubana ‘Alejo Carpentier’ da USC creouse en virtude dun acordo bilateral coa Universidade da Habana e a súa Facultade de Artes e Letras. Dentro desta prioritaria bilateralidade estendeu a súa actuación a outras institucións culturais e académicas de Cuba coas que a Universidade da Habana mantén relación directa ou indirecta como o I.S.A.–Universidade das Artes, a Fundación ‘Alejo Carpentier’, o Instituto de Literatura e Lingüística José A. Portuondo, o I.C.A.I.C, ou a Biblioteca Nacional José Martí, entre outras.

The contents of this page were updated on 06.21.2007.