Skip to main content

Titulados de diversas especialidades poderán optar a bolsas de formación e prácticas convocadas pola Consellaría de Medio Rural e polo Ministerio de Agricultura

O prazo para solicitar as bolsas de colaboración en Departamentos da Universidade remata esta semana

Os titulados recentemente en especialidades agrarias, forestais, Veterinaria e Tecnoloxía dos Alimentos poderán optar ás bolsas de prácticas convocadas pola Consellaría de Medio Rural e os titulados no ámbito das estatísticas agroalimentarias e da planificación económica e coordinación institucional poderán solicitar as bolsas de formación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para o curso 2007-2008.
Deste xeito o vindeiro venres, día 15, remata o prazo para solicitar algunha das 54 bolsas para a realización de prácticas dirixidas a enxeñeiros agrónomos, técnico agrícola, de montes, técnico forestal, veterinarios ou licenciado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Os aspirantes deberán ter obtido o seu título con posterioridade ao 30 de xuño do 2004, estando tamén aberta a convocatoria a grupos de investigación.
Ese mesmo día tamén remata o prazo para solicitar as bolsas de colaboración en Departamentos da Universidade destinadas a alumnado de excelencia académica para o curso 2007-2008. Ofértanse un total de 40 prazas para aqueles alumnos que o vindeiro curso estean matriculados curso no último ano do 2º ciclo dunha titulación oficial, sen contar o proxecto fin de carreira. As persoas interesadas deberán ter unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 1,80 puntos. Ademáis deberán presentar o proxecto de colaboración debidamente avalado polo departamento correspondente.
Pola súa banda, os enxeñeiros agrónomos, veterinarios, licenciados en Economía ou Ciencias Económicas e Administración e Dirección de Empresas titulados nos dous últimos anos poden optar ás catro bolsas ofertadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que están dirixidas á formación para titulados superiores no ámbito das estatísticas agroalimentarias e á planificación económica e coordinación institucional. Están dotadas en 1.100 euros mensuais durante un ano, prorrogable por 3 anos. O prazo de solicitude remata, neste caso, o xoves, día 21 de xuño.

The contents of this page were updated on 06.11.2007.