Un curso de verán da USC explicará os actuais principios da comunicación mediática contemporánea
Co obxectivo de profundar na crecente demanda de transparencia nos medios informativos, a Facultade de Ciencias da Comunicación organiza o curso de verán ‘Principios da comunicación mediática contemporánea: transparencia, verosimilitude, autenticidade... na televisión, no cinema, na publicidade, na fotografía e na comunicación institucional’ que terá lugar do 16 ao 19 de xullo no mesmo centro.
A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos da Xunta de Galicia, a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), a Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia colaboran na realización deste curso presentado este mércores nun acto ao que asistiron o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, e a directora do curso, a profesora da USC Antía López.
Programa do cursoAs clases, cofinanciadas pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia e a Compañía de Radio e Televisión de Galicia, darán comezo o luns 16 cun acto de inauguración ao que asistirá o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado. Despois, o catedrático de Xornalismo da Universidade Complutense de Madrid, Fernando Quirós, continuará cunha conferencia sobre o modelo informacional das democracias liberais e, deseguido, falarase sobre o deterioro do paradigma comunicativo e a imposición da lóxica da mostración.
Durante o martes 17 abordaranse cuestións como a comercialización da experiencia e consumo cultural, ou o espectáculo do real televisivo e xa o mércores 18 analizarase a situación do documental centrándose no paso do efecto-verdade á empatía e na proliferación do falso documental. Na última xornada analizarase “O encontro coa materia informe no eido das representacións visuais: a precarización do signo icónico” e a irrupción da lóxica da transparencia no espazo privado.
Paralelamente, polas tardes, na facultade desenvolveranse unha serie de obradoiros enmarcados no curso e cos que se busca profundar nas estratexias da transparencia das entidades públicas e privadas, no cinema e na fotografía.