As VI Xornadas de Historia da Educación analizarán en Foz a Formación docente e o Espazo Europeo de Educación Superior
As VI Xornadas de Historia da Educación ‘A Formación do Profesorado. Unha ollada ao pasado para comprender as reformas presentes’, que se celebrará en Foz do 17 ao 21 de xullo, pretenden analizar a situación actual do profesorado en canto á súa formación e achegar alternativas para a súa mellora. Entre os temas a tratar, atópase o Espazo Europeo de Educación Superior e as dificultades coas que se atopan os profesores, a reforma dos planos de formación dos mestres ou o posgrao de formación para profesores de educación secundaria, entre outros.
O programa comeza o 17 de xullo co relatorio do catedrático de Psicoloxía Evolutiva da Universidade Autónoma de Madrid, Antonio F. Maldonado Rico, quen falará sobre o espazo europeo da educación superior e a actual formación de profesores. Na quenda de tarde o catedrático de Historia da Educación da Universidade Complutense, Julio Ruíz Berrio, recordará ‘Os comezos da formación regulada dos mestres’, seguido polo tamén catedrático de Historia da Educación da Universidade de Alcalá de Henares, Antonio Molero Pintado, co seu relatorio titulado ‘As escolas normais entre 1839 e 1936. Balance dun século’.
A xornada do mércores 18 estará dedicada á formación dos profesores, polo que relatores das universidades de Murcia e Granada abordarán temas como a importancia dos textos pedagóxicos, a formación do profesorado de educación secundaria nos seus comezos ou os cursos de Aptitude Pedagóxica dos Institutos de Ciencias da Educación como modelo de formación de profesores.
O xoves, día 19, comezará o programa cunha mesa redonda sobre a formación de profesores en Galicia na que participarán o catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC Anxo Serafín Porto Ucha, o profesor de Historia da Educación da Universidade da Coruña Luis Iglesias Salvado, e a profesora de Historia da Educación da Universidade de Vigo Carmen Benso Calvo. A continuación a catedrática de Didáctica e Organización Escolar da USC Lourdes Montero Mesa abordará nun relatorio os problemas actuais da formación do profesorado.
A profesionalidade dos docentes centrará a xornada do venres, comezando co profesor de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Oviedo José María Rozada Martínez quen disertará sobre as dificultades que teñen hoxe os profesores para ser mellores docentes, seguido polo catedrático de Socioloxía da Universidade de Salamanca Mariano Fernández Enguita co relatorio titulado ‘Profesionalización, profesionalidade e profesionalismo: luces e sombras dunha profesión’. Na quenda de tarde o director do Instituto Superior de Formación do Profesorado do MEC Antonio Moreno explicará a reforma dos planos de formación de mestres no contexto do Espazo Europeo de Educación Superior e o posgrao de formación para profesores de educación secundaria.
As VI Xornadas de Historia da Educación rematan coa celebración o sábado 21, dunha mesa redonda onde se debaterá sobre como mellorar a formación inicial dos profesores e na que participarán a mestra de Educación Infantil, Genara Borrajo, o profesor de Didáctica e Organización Escolar da USC Rufino González Fernández e o profesor de ensino secundario José Graña Carrodeguás. Actuará como moderadora a profesora e Investigadora da USC e doutora en Ciencias da Educación, Rita Gradaille Pernas.