Skip to main content

Inaugurouse oficialmente en Farmacia a exposición fotográfica 'Oniricohomepetra silvacquatica'

O decano de Farmacia, no centro, acompañado dos profesores autores da mostra Javier Amigo e Manuel Antonio Rodríguez, o fotógrafo Eduardo Javier Castro e a escritora Beatriz Vázquez
O decano de Farmacia, no centro, acompañado dos profesores autores da mostra Javier Amigo e Manuel Antonio Rodríguez, o fotógrafo Eduardo Javier Castro e a escritora Beatriz Vázquez
Na mostra, botánicos da USC ofrecen a súa visión do sur de Chile durante unha estadía de investigación

Os profesores da Universidade de Santiago Javier Amigo Vázquez e Manuel Antonio Rodríguez Guitián viaxaron a Chile nos primeiros meses do ano, coincidentes co verán austral, para levar adiante unha estadía de investigación para estudar a flora e vexetación da porción temperada e chuviosa dese país. Nesa viaxe acompañounos o farmacéutico Eduardo Javier Castro Rodríguez, fotógrafo afeccionado, que aproveitaba para explorar coa súa cámara os elementos vivos e inertes, vexetais ou humanos, que agochaba esa paisaxe.
Desta andaina científica, e coa colaboración da escritora Beatriz Vázquez Lourenzo na confección dos textos, naceu a exposición fotográfica ‘Oniricohomopetra silvacquatica. Un persoal álbum do sur de Chile’. A mostra, que xa se pode visitar na Facultade, inaugurouse oficialmente este xoves no Salón de Graos do centro coa asistencia dos propios autores.
O título da mostra resume cun texto latinizado o feixe de sensacións por eles vividas integrándoas baixo un falso binomen de ser vivo. Aqua fai referencia aos lagos, ríos, glaciares, fiordes e mares de Chile; silva lembra as selvas valvidianas, de monumentais e antigas árbores como a araucaria ou o alerce; petra empregousepor tratarse dunha área volcánica activa; e, por último, homo pola intervención da man humana.
Unha estreita colaboraciónJavier Amigo leva máis de 25 anos como profesor da área de Botánica da Facultade compostelá de Farmacia. Seus campos de investigación son a frorística e a fitosocioloxía, dos que publicou numerosos artigos científicos sobre diversos aspectos da flora e a vexetación vasculares de Galicia. Hai doce anos emprendeu estudos similares no territorio centro-sur de Chile desenvolvendo desde ese momento investigacións sobre vexetación en dous territorios bioxeográficos parecidos entre Europa e Sudamérica.
O profesor Rodríguez Guitián imparte docencia no Departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior de Lugo. Na súa faceta investigadora traballou principalmente na caracterización ecolóxica de bosques do extremo noroccidental ibérico e a súa dinámica paleoambiental así como na tipificación e valoración de hábitats naturais e espazos protexidos, na que integrou coñecementos procedentes de diversas disciplinas relacionadas coa ecoloxía forestal.
O traballo fotográfico correspondeulle a Eduardo Javier Castro Rodríguez, integrante do equipo multidisciplinar que en 1984 se fixera co premio Galicia de Investigación Científica das Ciencias polo traballo ‘O Caurel’ de estudo do medio rural das montañas galegas. Este incansable fotógrafo percorre o mundo en bicicleta fotografando e obtendo ideas para os seus debuxos e montaxes.
Por último, a compoñente onírica da mostra chega da man da escritora Beatriz Vázquez Lourenzo, que escribe prosa poética e é ademais a voz solista do grupo musical Beltain.

The contents of this page were updated on 06.20.2007.