Unha charla en Psicoloxía explicará os efectos para a saúde das antenas de telefonía móbil
O doutor Claudio Gomez Perretta, xefe de Sección de Investigación en Saúde Pública no Hospital Universitario La Fe (Valencia), explicará nunha charla este xoves, día 28, os resultados dun estudo epidemiolóxico do posible efecto sobre a saúde pola exposición crónica de Radiofrecuencias provenientes das Estacións Base de Telefonía Móbil. A súa intervención terá lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía.
Claudio Gómez Perretta destaca por ser autor dun estudo pioneiro internacional sobre saúde e exposición a microondas das estaciones base de telefonía móbil e asesor da International Commission for Electromagnetic Safety (ICEMS) como membro de pleno da Sociedade Europea de Bioelectromagnetismo.
Licenciado en Medicina e en Ciencias Químicas pola Universidade de Valencia, realizou estadías como bolseiro de investigación no Hospital Bichat de París, e no Departamento de Psiquiatría do Down-State Medical Center de Nova York. Os seus traballos experimentais centráronse en histoquímica básica e bioloxía celular de hepatocitos fetais de ratas expostas ao etanol durante a xestación, na neurofisioloxía de alcohólicos abstinentes, nos factores de risco culturais asociados á bulimia nerviosa en 12 países e, máis recentemente, no estudo mediante potenciais evocados da regulación cortical sensorial e síndrome de hipervixilancia de pacientes de fibromialxia.
Entre outras distincións, Gómez Perretta é Premio de Investigación Científica do Congreso Mundial para a Formación Profesional en 1997 e Premio de Investigación da Sociedade Española de Toxicomanías en 1999 polas súas achegas ao estudo da serotonina na conduta aditiva.