Skip to main content

O Máster de Atención Temperá e Intervención en Trastornos do Desenvolvemento chega á súa décima edición

A USC é pioneira en formar profesionais capaces de axudar no seu paso á adolescencia a menores que viven situacións de maltrato

O Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación organizará o vindeiro curso a décima edición do Máster de Atención Temperá e Intervención en Trastornos do Desenvolvemento, que, de xeito pioneiro en España, permite formar profesionais especializados en facilitar o correcto desenvolvemento de menores que viven situacións de abandono familiar, abusos sexuais ou algún tipo de maltrato, tanto na propia familia como na escola.
O Máster, que proporciona formación de posgrao a uns trinta profesionais cada ano, está destinado a psicólogos, pedagogos, logopedas, médicos, fisioterapeutas ou traballadores sociais interesados en especializarse na materia.
Consciente da importancia que teñen as relacións afectivas no desenvolvemento dos menores e adaptándose tamén ás novas necesidades tras o aumento de casos de acoso escolar e abusos en menores, a Universidade de Santiago convértese así nunha das institucións pioneiras en España en formar dunha forma específica a este tipo de profesionais.
O posgrao centrarase non só na busca das mellores técnicas de intervención temperá en menores que presentan trastornos físicos ou mentais (síndrome de Down, autismo ou enfermidades minoritarias), senón tamén en atopar os modelos adecuados para tratar a nenos que sofren algún tipo de maltrato. Co obxecto de que o paso á adolescencia destes menores se realice da maneira máis normalizada posible, un equipo interdisciplinar de profesores emprega as últimas técnicas de diagnóstico para que os alumnos aprendan a avaliar aqueles casos nos que se aprecia algunha desviación significativa do comportamento.
Deste xeito, afondarase na importancia da Atención Temperá en situacións de abandono familiar, bullying, abusos sexuais ou incluso en familias marxinadas, nas que os nenos presentan un importante déficit socio-cultural. Así mesmo, daranse as claves de intervención en menores que proveñen de familias monoparentais ou que viven situacións de adopción.
Prácticas en centros especializadosNa docencia combinarase tanto a exposición teórica como a presentación de casos e discusión sobre eles. Ademais, os alumnos deberán realizar prácticas, baixo a tutela dun especialista, en centros especializados na atención a nenos con trastornos no desenvolvemento. Lévanse a cabo na Unidade de Atención Temperá da USC, en centros do Servizo Galego de Saúde, concellos, escolas infantís e no Hospital Central de Asturias.

The contents of this page were updated on 06.27.2007.