Skip to main content

O catedrático da USC Xosé Manuel Sabucedo Cameselle e a investigadora do IDEGA María Luz Loureiro García recollen os Premios Galicia de Investigación 2006

O catedrático da USC Xosé Manuel Sabucedo Cameselle e a investigadora do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento Económico de Galicia (IDEGA) María Luz Loureiro García recollen os Premios Galicia de Investigación 2006 concedido pola Xunta de Galicia nas categorías de Investigación Social e Investigadores Mozos.
O premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social na categoría Sénior recaeu en Xosé Manuel Sabucedo en recoñecemento á súa dilatada traxectoria de vintecinco anos como investigador no eido da Psicoloxía Social e Política. O premio está dotado con 37.000 euros así como un diploma e un medallón esculpido en bronce coa efixie e nome de Eugenio Montero Ríos.
Licenciado e doutor en Psicoloxía pola USC, en 1993 acadou o grao de catedrático. Forma parte do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da Facultade de Psicoloxía, da que foi decano, e participou como relator en numerosos congresos, comités científicos de encontros internacionais e consellos editoriais de revistas especializadas en Psicoloxía. O seu traballo deu lugar á publicación de vintedous libros, aos que hai que engadir arredor de cen publicacións de artigos e capítulos de libros.
A participación política da poboación, os movementos sociais, o comportamento social da xente nova, a violencia ou o racismo están presentes na investigación desenvolvida polo profesor Sabucedo, na que destacan dúas liñas principais de traballo. Por unha banda, o estudo dos supostos históricos, epistemolóxicos e teóricos da Psicoloxía Social e a súa articulación con outras disciplinas das ciencias sociais. Por outra, desenvolver unha psicoloxía estreitamente vinculada coa sociedade máis próxima á vez que preocupada por cuestións de dimensión universal. Este propósito levou ao profesor da USC a implicarse en proxectos de investigación relacionados coa Psicoloxía Ambiental e, sobre todo, coa Psicoloxía Política.
Investigadores MozosPola súa banda, María Luz Loureiro García foi galardoada na categoría de Investigadores Mozos polo seu traballo como especialista en recursos naturais, medio ambientais e agrarios. Neste caso o premio está dotado con 6.100 euros e diploma acreditativo.
María Luz Loureiro traballa na actualidade no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento Económico de Galicia da USC cun contrato Ramón y Cajal. Licenciada en grao en Ciencias Económicas pola USC, ao remate da carreira obtivo unha bolsa de estudos de posgrao da Fundación Caixa Galicia coa que cursou un máster en economía agraria e medioambiental na Universidade de Washington, na que se incorporou como bolseira e onde realizou o doutoramento. En 2000 acadou o grao de doutora coa tese ‘Collective reputation & labeling’.
María Luz Loureiro foi profesora na Universidade de Colorado entre os anos 2000 e 2003 de materias relacionadas coa economía agraria e medioambiental e realizou ademais unha estadía como profesora visitante na Universidade Carlos III de Madrid. Posteriormente foi nomeada investigadora titular no Instituto Noruego de Investigacións Agrarias, en Oslo.
Publicou numerosos artigos sobre os recursos agrarios, abordando temas como o sector gandeiro, as enerxías renovables, o agroturismo ou as consecuencias económicas das perdas ambientais causadas polos verquidos do Prestige. A problemática dos recursos en Galicia causados por catástrofes mariñas e por incendios centra actualmente o seu traballo, sendo a investigadora principal de tres proxectos relacionados con esta cuestión.
Innovación EmpresarialNa categoría Innovación Empresarial, os Premios Galicia recaeron na empresa pontevedresa “Española de Plataformas Marinas, S.L.– Extrumar” polo deseño dunha plataforma mariña mergullable para o cultivo de moluscos. O galardón está dotado con 50.000 euros, diploma e placa conmemorativa. Nesta mesma categoría a empresa téxtil Sagres S.L. obtivo unha mención especial do xurado pola súa traxectoria innovadora.

The contents of this page were updated on 06.26.2007.