Skip to main content

Un curso de verán da USC achegará a oferta de estudo, traballo e vida que ofrece Europa

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

O curso de verán da USC ‘Europa. Estudar, traballar e vivir nun calidoscopio de culturas’ achegará do 9 ao 11 de xullo no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación a variada oferta formativa, laboral e vital que ofrecen os países europeos. As sesións académicas, dirixidas polo profesor Xosé A. Neira Cruz, contan co cofinanciamento da Fundación Caixa Galicia e da Comisión Europea en Madrid.
O curso comezará o luns 9 centrándose na cuestión de vivir en Europa e, deste xeito, exporanse as políticas de integración e cooperación cultural, as propostas galegas, a promoción económica e cultural da UE ou os procesos de identificación e, xa pola tarde, debaterase nunha mesa redonda sobre o lugar de Galicia no calidoscopio cultural europeo. Como remate da sesión, o centro acollerá unha coreografía do Espazo de Danza da USC.
Ao día seguinte, o curso orientará sobre cómo estudar en Europa explicando os programas de mobilidade para estudantes da UE, o recoñecemento e homologación dos títulos, os estudos na historia da integración europea, o programa Leonardo da Vinci e as prácticas laborais nas empresas europeas. Ademais, varios bolseiros Erasmus contarán as súas experiencias nunha mesa redonda á que seguirá a proxección da película L’auberge espagnole, dirixida por Cédric Kaplisch.
No transcurso do mércores 11, os conferenciantes do encontro informarán acerca das posibilidades de traballo en Europa profundando no acceso á función pública europea, a busca de emprego a través da Rede EURES, o regreso de Europa ou o labor dun xornalista europeo. Pola tarde, a sesión continuará co relatorio ‘A UE: un mercado de traballo para os creadores culturais non europeos’, coa mesa redonda ‘Experiencias de traballo de europeos en Galicia’ e pechará coa actuación teatral ‘Como ser europe@ e sobrevivir ao intento’.

The contents of this page were updated on 06.26.2007.