A USC iniciou no Campus de Lugo as xornadas de presentación para novos estudantes
A Universidade de Santiago iniciou as súas xornadas de presentación para novos estudantes cunha charla na Escola de Formación de Profesorado do Campus de Lugo. Promovidas pola Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, nestas sesións membros da USC explicarán aos universitarios de novo ingreso, tanto do Campus de Lugo como do de Santiago, o funcionamento dos servizos da USC, a súa oferta académica, cultural ou deportiva, entre outros asuntos.
As xornadas comezaron este martes, día 2, na Escola de Formación do Profesorado de Lugo, charla que se repetiu na Facultade de Veterinaria. Nas súas intervencións, os relatores explicaron a oferta de servizos da USC como a Oficina de Información, o Centro de Linguas Modernas, a Rede de Aulas de Informática, o Servizo de Normalización Lingüística ou o Servizo de Xestión Académica. Ademais, os asistentes ás xornadas recibiron información sobre o funcionamento interno da USC comentando o papel do Consello Social e da figura do Valedor Universitario, o sistema de bolsas ou a rede de residencias.
Deste xeito, participaron nas presentacións do Campus de Lugo o vicerreitor da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos; o director do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Autoemprego, José Manuel González Díaz; o Valedor da Comunidade Universitaria, Florencio Arce; Fátima Teixeiro, do Servizo de Participación e Integración Universitaria; e Xusto Rodríguez Río, do Servizo de Normalización Lingüística.
Estas presentacións extenderanse á semana seguinte por outros centros lugueses como a Facultade de Administración e Dirección de Empresas e a Facultade de Ciencias o martes 9 de outubro ás 10:30 e 12:00 horas, respectivamente. O mércores 10 será a quenda da Escola Politécnica Superior, ás 10:00 horas, e da Facultade de Humanidades, Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermería, ás 12:00 horas.
As charlas informativas tamén se celebrarán no Campus de Santiago dende o luns 15 de outubro ata o martes 23 percorrendo máis de 18 escolas e facultades.