Skip to main content

A catedrática da USC Inmaculada Paz Andrade recolle en Santiago o Premio María Wonenburger

O galardón que outorga a Unidade de Muller e Ciencia recoñece a traxectoria de mulleres nos eidos científico e tecnolóxico

A catedrática de Física Aplicada da USC Inmaculada Paz Andrade recollerá este sábado, día 15, en Santiago o Premio María Wonenburger que outorga a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia. O galardón, que se entrega por vez primeira, quere resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos da ciencia e a tecnoloxía, e o seu nome pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa María Wonenburger Planells.
Paz Andrade recollerá o premio ás 13:00 horas no transcurso dunha xornada organizada pola Unidade de Muller e Ciencia que se celebrará no Museo Pedagóxico de Galicia (San Lázaro. Santiago). Previamente, e dende as 10:00 horas, pronunciarán relatorios a directora xeral de Ingenasa, Carmen Vela Olmo, e Margarita Salas, académica da lingua e da ciencia e investigadora do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa. Haberá ademais unha mesa redonda na que participarán a catedrática de Filosofía Moral e Política da USC, María Xosé Agra Romero; a profesora de Matemática Aplicada da USC, María Elena Vázquez Cendón; e a presidenta de Eganet, Beatriz Legerén Lago.
A premiadaInmaculada Paz Andrade foi, no campo da docencia, pioneira ao ocupar por vez primeira determinados postos e categorías que ata o momento lle correspondían aos homes na USC. Así, foi a primeira muller nomeada profesora adxunta interina da Facultade de Ciencias da USC, profesora adxunta por oposición, primeira encargada de Cátedra da Facultade de Ciencias, profesora agregada da Facultade de Química e tamén a primeira catedrática da Facultade de Física. Dende 1999 é profesora emérita da USC.
No ámbito da investigación, iniciou unha carreira científica cunha traxectoria que pronto é recoñecida tanto no ámbito estatal como no eido internacional, converténdose en referencia mundial como especialista en Microcalorimetría, Termoxénese e Análise Térmico Diferencial. Creou o Grupo de Microcalorimetría da USC e os seus laboratorios, introduciu a Microcalorimetría en España e creou escola investigadora en Microcalorimetría non só nas tres universidades galegas, senón tamén noutras do Estado e en centros do CSIC.
No ámbito profesional internacional, está considerada como unha das mellores investigadoras no campo da Termodinámica e a Microcalorimetría. Con máis de 225 publicacións científicas, colabora cos mellores especialistas do mundo nos campos da súa especialidade.
Creou e dirixe o Grupo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais (Grupo THOR), un sistema experto para predicir o risco de incendios forestais en Galiza que constitúe un fito na súa carreira investigadora e no que se inclúen investigadores e investigadoras das tres universidades galegas e o CSIC. Recibiu a Medalla de Ouro de Física da Real Sociedade Española de Física (1992) , o Premio Galicia de Investigación Científico-Técnica ‘Antonio Casares y Rodrigo’ da Xunta de Galicia e a Insignia de Ouro da Universidade compostelá.
María WonenburgerMaría Josefa Wonenburger Planells (A Coruña, 1927) estudou Ciencias Exactas na Universidade Complutense de Madrid e en 1953 trasladouse a Estados Unidos para se especializar en álxebra cunha bolsa Fulbright. Na Universidade de Yale leu a tese de doutoramento, dirixida por Nathan Jacobson, un dos mellores alxebristas do momento, e iniciou unha brillante traxectoria nesta materia como profesora en diferentes universidades e como directora de teses, entre elas a do matemático Robert V. Moody, en 1966. Da súa man, Moody iniciou na súa tese a teoría coñecida como Álxebras de Kac-Moody, con aplicacións en Física e noutros campos das Matemáticas. En 1983 volveu á Coruña, onde reside.

The contents of this page were updated on 12.14.2007.