A USC entrega os diplomas aos alumnos do curso piloto do Proxecto E-Hospital de desenvolvemento dun sistema de e-learning para adultos hospitalizados de longa duración
O Grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa da USC dirixido por Carmen Fernández Morante, xunto co Departamento de e-learning do Cesga, lidera en España o Proxecto europeo E-Hospital que ten como obxecto o deseño e experimentación dun sistema de e-learning para adultos hospitalizados de longa duración e o desenvolvemento dun manual de boas prácticas de educación hospitalaria.
Para este proxecto, a USC desenvolveu un Curso Básico de Alfabetización Dixital en formato Multimedia e creou un título de formación continua propio. Trátase de iniciar aos pacientes en actividades de e-learning que lle permitan adquirir destrezas para a súa formación ao longo de toda a vida e axudarlles a vencer o illamento que pode implicar a ruptura coa súa vida social e laboral o período de convalecencia.
O curso propio de Formación continua da USC ‘E-hospital: Alfabetización dixital básica’ experimentouse na fase piloto no Hospital Juan Canalejo, en concreto con 10 pacientes hospitalizados na Unidade de Lesionados Medulares.
Os alumnos dese primeiro curso piloto recollerán os seus diplomas este martes, día 4, ás 12:00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome nun acto que presidirá o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, e ao que asistirán ademais os vicerreitores de Investigación e Innovación e de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Mª José Alonso e Máximo Pló, respectivamente; o director do Instituto de Ciencias da Educación, Xosé Cajide; o director xerente do Cesga, Javier García Tobío; e o director xerente do Complexo Hospitalario Juan Canalejo, José Manuel García.