Skip to main content

O profesorado, tanto funcionario coma laboral, pode optar ás convocatorias para a valoración de sexenios e quinquenios

Tamén está aberto o prazo do programa de axudas para o financiamento de estadías

O Persoal Docente e Investigador da USC (PDI), tanto funcionario coma laboral, xa pode optar a dúas convocatoria para a valoración da actividade investigadora (sexenios) e dos méritos docentes (quinquenios). Nestas mesmas datas tamén mantén abertos os seus prazos o programa de axudas para o financiamento de estadías de PDI doutras institucións para o vindeiro ano 2008.
SexeniosComo en anos pasados, o profesorado funcionario xa pode realizar os trámites correspondentes á solicitude de sexenios á Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNEAI).
Como novidade fronte a anteriores convocatorias, a USC aplicará esta valoración tamén ao seu profesorado contratado doutor. Terán dereito a solicitar esta avaliación quen teña subscrito coa USC a 31 de decembro de 2007 un contrato por tempo indefinido da categoría de profesor contratado doutor así como aqueles que se atopen en situación de excedencia forzosa ou voluntaria na mesma data. En ambos os dous casos, as persoas interesadas deberán contar cun mínimo de seis anos avaliables.
Nesta convocatoria o prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2007.
QuinqueniosA convocatoria para a solicitude de recoñecemento do complemento por méritos docentes diríxese a profesores universitarios funcionarios de carreira ou laborais con contrato indefinido en activo na USC, que estean en réxime de dedicación a tempo completo ou parcial que a finais deste ano tivesen prestado como mínimo un total de cinco anos de servizos docentes a tempo completo ou equivalente.
As solicitudes deberán presentarse antes das 14:00 horas do día 2 de xaneiro de 2008.
Axudas para o financiamento de estadías con finalidade académicaO obxectivo desta convocatoria é o financiamento de estadías, por un período mínimo dun mes e máximo de oito,de investigadores doutras universidades e centros de investigación durante o ano 2008 co obxecto de desenvolver actividades académicas que non obteñan outro financiamento da USC ou de calquera outro organismo ou institución.
Para a concesión das axudas, darase preferencia a aquelas solicitudes orientadas claramente ao ámbito da docencia, valorándose ademais que se relacionen co fomento da innovación docente, seminarios de formación de profesorado, formación didáctica e metodolóxica ou co uso avanzado de tecnoloxías da información na docencia. De xeito complementario, destacaranse tamén as solicitudes que contribúan á construción do espazo europeo de educación superior, valorándose se o departamento solicitante recibiu en anteriores edicións similares axudas.
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral da USC antes do día 2 de xaneiro de 2008.

The contents of this page were updated on 12.03.2007.