Skip to main content

O 66 por cento dos mellores expedientes do Bacharelato escolleron a USC

O reitor da USC asistiu este luns no Auditorio de Galicia á entrega dos Premios á Excelencia Académica 2007
O reitor da USC asistiu este luns no Auditorio de Galicia á entrega dos Premios á Excelencia Académica 2007

Os 80 alumnos que accederon este curso aos seus estudos universitarios cunha nota superior a 9,30 recibiron este luns no Auditorio de Galicia os Premios á Excelencia Académica 2007 nun acto presidido pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e no que tamén estiveron presentes os reitores das universidades de Santiago e Vigo, Senén Barro e Alberto Gago, respectivamente.
Destes 80 premiados, 53 iniciaron os seus estudos universitarios en titulacións da USC. A carreira que acumula o maior número destes estudantes é a de Medicina; seguida de Enxeñaría Química, con cinco matriculados; Farmacia, Dereito e Matemáticas, con tres en cada unha delas; e dous en Comunicación Audiovisual. Filoloxía Inglesa, Física, Xornalismo, Bioloxía, Filosofía, Filoloxía Hispánica, Enxeñaría Técnica de Obras Públicas, Psicoloxía, Odontoloxía e mestre nas especialidades de Educación Primaria e Musical, repártense o resto de matriculados.
A finalidade da convocatoria era, dunha banda, recoñecer o esforzo, traballo e dedicación do alumnado con excelente traxectoria académica no Bacharelato e ciclos formativos de grao superior e, doutra, que estes alumnos que comezan por vez primeira a súa traxectoria universitaria prosigan a súa formación nas universidades galegas desenvolvendo ao máximo o seu potencial.
Cada un dos 25 rapaces e 55 rapazas recibiron unha contribución económica de 3.000 euros así como un diploma acreditativo e un agasallo co que se quere simbolizar o coñecemento, a promoción da reflexión e as axudas externas que poden favorecer na busca de solucións nesta nova etapa.

The contents of this page were updated on 12.03.2007.