Comeza en Medicina un seminario que reflexionará sobre a imaxe construída polas películas e as series de ficción respecto do colectivo sanitario e a súa práctica profesional

Recentes películas e series de televisión como ‘House’, ‘Anatomía de Grey’ ou ‘Scrubs’ acoden ao terreo médico como fonte de referencia para os seus argumentos e tramas. Para reflexionar sobre a imaxe que os medios audiovisuais están a definir deste colectivo profesional e a súa práctica cotiá en base a determinadas series e producións, o Departamento de Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública da USC organiza dende este martes 11 e ao longo dos días 12, 13, 14, 17 e 18 o seminario ‘¿Te gusta...? Saúde & Ficción’.
Coordinado pola profesora Isabel Salazar Bernard, o seminario parte da idea de que os médicos, ao igual que os demais cidadáns, terminan por adoptar como conduta os ‘tics’ xerados da súa propia representación mediática e de aí efectos paradóxicos. Neste senso, os organizadores do encontro consideran que os médicos deben librar dende a retagarda unha batalla coa industria audiovisual.
Nas distintas charlas previstas, a celebrar no Salón de Actos da Facultade de Medicina en horario de 16:00 a 21:00 horas, analizarase o paralelismo entre situacións televisivas e reais respecto do cancro e as enfermidades crónicas, a cirurxía plástica, as enfermidades de transmisión sexual e infecciosas, a ética médica ou os trastornos psiquiátricos.
Como moderadores das sesións a celebrar, nas que se proxectarán series e películas alusivas, intervirán a catedrática de Toxicoloxía, Ana Bermejo; o catedrático de Medicina Legal, Ángel Carracedo; o profesor de Medicina, Arturo González Quintela; o doutor en Antropoloxía Psiquiátrica, Emilio González Fernández; o Médico Interno Residente de Cirurxía Plástica, Iván Couto; e a profesora de Bioloxía, Mª del Carmen Masa.
Cunha carga lectiva de 30 horas, os estudantes matriculados poderán validar a súa asistencia a este seminario cun crédito de libre configuración polo que a asistencia será obrigatoria, permitíndose un número de faltas non superior ao 10 por cento do total da duración do encontro.